O Arousana estrea o seu casilleiro de vitorias a costa do Umia

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O acerto de Bárbara Sierra desnivelou un choque moi igualado

05 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Atlético Arousana e Umia continúan unha semana máis ocupando os dous últimos postos da clasificación do Grupo 1 da Primeira Nacional, a categoría de bronce do fútbol feminino español. Fano, iso si, cunha diferenza respecto á xornada anterior, despois de que na tarde do pasado sábado o conxunto vilagarcián introducira os primeiros 3 puntos no seu casilleiro de vitorias, impoñéndose 2-0 no derbi comarcal ao Umia C.F. Un triunfo que lles permite ás de Nando igualar a 5 puntos coas súas veciñas da Bouza de Barrantes, situadas unhas e outras a tiro de 3 puntos do noveno clasificado, o Gijón F.F. -o grupo conta con catorce equipos, con tres descensos á conclusión do campionato ligueiro-.

Foi o do sábado un derbi marcado pola igualdade, e desnivelado polo nivel de acerto. O de Bárbara Sierra, a dianteira do Atlético Arousana, que con dous golpes de efecto no final da primeira parte (minuto 35) e no arrinque da segunda (minuto 48) puxo o definitivo 2-0 no marcador. O primeiro gol, tras un roubo no medio do campo, con Laura asistindo a banda esquerda á bigoleadora, que resolveu no seu man a man fronte a House. O segundo, nunha acción combinada entre Almudena, Arufe e Bárbara.

Nun partido de ida e de volta, o Umia ben puido terse adiantado no minuto 12 nun rexeite a saque de córner, pero o remate de Eva foise fóra. Foi esta a primeira das moitas ocasións de gol do cadro visitante, sobre todo na segunda parte do derbi, con ata catro disparos á madeira das xogadoras dun Tino Buján que onte comentaba resignado «O fútbol é así». O seu homólogo no vestiario do Atlético Arousana, Nando, salientaba, tamén onte, que «a primeira vitoria danos confianza», sobre todo vendo a zona de salvación tan accesible neste momento.

FICHA: 

ATLÉTICO AROUSANA (2): Tania, Arufe, Carla Falcón, Irene (Nerea, min 73), Caro, Bárbara (Yaiza, min 80), Zai (Belén, min 66), Laura, Bárbara Caamaño (Ruzo, min 59), Ana e Almudena

UMIA C.F. (0): House, Ainhoa Barreiro (Uxía, min 90), Paula, Eva, Míriam Domínguez, Sandra (Graciela, min 64), Lidia, Carla (María, min 86), Ana, Alba (Margarita, min 69) e Ainhoa Varela

Goles: 1-0, min 35: Bárbara. 2-0, min 48: Bárbara. 

Árbitro e tarxetas: Asier Manuel Fariña. Amonestou as xogadoras locais Carla, Caro e Yaiza, e as visitantes Eva e Graciela.