Don Ramón por antonomasia

Gaspar González

AROUSA

Finou Ramón Martínez Torrado, mestre no colexio Lomba

29 oct 2019 . Actualizado a las 08:27 h.

Hai cousas que aprendes na infancia e que te acompañan de por vida. Lembro perfectamente que nun libro de lingua e literatura españolas daquela inesquecible -para o bo e para o malo- Educación Xeral Básica, na lección que falaba de Ramón Gómez de la Serna dicía del que era «Ramón por antonomasia». Estou seguro de que agora mesmo, haberá compañeiras e compañeiros daqueles tempos que, coma min, están deixando escapar un sorriso inocente ao lembralo. Pero seguramente esas mesmas compañeiras e eses mesmos compañeiros concordarán comigo en que para a nosa xeración -e seguramente para moitas outras anteriores e posteriores-, seguindo co mesmo recurso de estilo, se «Ramón» era Ramón Gómez de la Serna, quixo a antonomasia que Ramón Martínez Torrado, para nós, fose para sempre «Don Ramón», un deses mestres -e non falo só de docencia- que a vida che pon no camiño e ao que sempre lle agradeceremos todo o que fixo por nós, que foi moito. 

Váisenos Don Ramón, ese profesor especial que ademais de nos explicar as  figuras retóricas, foi con quen aprendemos a respectar a ortografía, o que nos fixo memorizar a famosa e fermosa «Canción del Pirata» de Espronceda, algunha rima de Bécquer, as liortas entre Quevedo e Góngora... o que nos abriu a porta, en definitiva, para gozar da literatura, pero tamén o que soubo combinar coma poucos o amor polo ensino coa adoración polo deporte, onde destacou tamén polos seus logros e polo seu físico impoñente, labrado a base de botar balóns, levantar e lanzar pesos, pescar polas profundidades da súa adorada Ría de Arousa, etc. Ver chegar a Don Ramón, con aquel aspecto de mariñeiro curtido, de voz profunda, para aqueles cativos de tempos pasados era como ver chegar un ídolo que cun sorriso e desde o primeiro momento xa nos facía sentir que caeramos en boas mans, unhas mans coma el: rexas, fortes, traballadoras, nobres.

Hai moito que deixei de ser alumno na Lomba. Xa choveu a cachón desde aquela, pero así que souben do pasamento de Don Ramón, viñéronme moitas cousas á cabeza que agora, e co permiso dos membros daquelas xeracións de alumnas e de alumnos, quixera traer aquí como homenaxe ao mestre, pois xamais esqueceremos aqueles ditados de palabras que nos xeraban dúbidas na escrita e que cos seus trucos de sabio escolante meteu naquelas nosas cabeciñas... A Don Ramón habémoslle agradecer sempre que non teñamos problema á hora de escribir observar ou absorber, que nos explicara o significado de basto e vasto, que cariñosamente soubese corrixir os nosos erros sorrindo mentres nos chamaba “Cebollos”, pero tamén que nos aprendese a facer equipo e defender e axudarlle á compañeira ou ao compañeiro que necesitaba unha man para levantarse, se tropezaba no camiño.  

Perdemos unha figura que nos marcou a varias xeracións, e aínda que cadaquén terá unha imaxe coa que lembralo, eu sempre imaxinarei a Don Ramón no medio do mar, por suposto, coma o capitán pirata aquel, cantando alegre na popa... 

Grazas por todo, mestre, e que o seu barco teña unha boa singradura!