O Arousa ten ante si o reto de encadear catro vitorias na Terceira tres décadas despois

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Fútbol Xusto de efectivos na zaga, sen o lesionado Adrián Gómez nin o sancionado Pedro García, visita a un Somozas en construción

20 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Á tempada 1992/93, a do último ascenso a Segunda División B, hai que remontarse para ver o Arousa encadear a lo menos catro triunfos consecutivos no calendario oficial de Liga de Terceira División. Un gran buraco negro que o equipo que hoxe adestra Rafa Sáez busca tapar definitivamente na súa visita esta tarde (17 horas) ao Campo Municipal Alcalde Manuel Candocia, onde se mide a un Somozas máis fero do que pinta a súa actual antepenúltima praza na clasificación. 

Decimoitavo con tan só 7 dos 24 puntos disputados ata o momento, o Somozas está en pleno proceso de reconstrución. Logo do fracaso estrepitoso dun dos clubs máis acaudalados do fútbol galego modesto a tempada pasada, na que evitou o descenso a Preferente pola continuidade do Celta B na Segunda División B no play-out, a directiva do Somozas e Manolo García, o técnico que relevou hai agora un ano ao dimisionario Stili, apostaron por un cambio de rumbo, que non lles saíu ben. No seu terceiro intento de regreso á categoría de bronce do balompé español o club de Ferrolterra volveu tirar de chequeira. Pero nin con esas conseguíu atraer as estrelas do grupo galego da Terceira División que figuraban na folla de ruta para esta tempada. Así as cousas, os responsables do Somozas tiveron que tirar do plan B, contratando a un bo número de xogadores procedentes da comarca, e de fóra de Galicia, co lastre da súa escasa rodaxe, tratándose na súa maioría de futbolistas Sub-23. Unha solución que na pretempada pagou a peaxe de moi malos resultados, estendida durante o primeiro mes de Liga, no que o hoxe rival do Arousa encaixou as súas tres derrotas, por un único empate. 

Nas catro últimas xornadas, pola contra, o Somozas non sabe o que é perder, derrotando 2-1 o Arzúa, para encadear cadanseu empate co Bergantiños (0-0), co Paiosaco (1-1), e a semana pasada co Dépor B a domicilio (1-1).

Así as cousas, o adestrador do Arousa, Rafa Sáez, sostiña na antesala do choque que «no hay posibilidad de que salgamos confiados» hoxe. Os tres triunfos arlequinados consecutivos, e o feito de poder conseguir o cuarto tras tres décadas «nos hace mucha ilusión, y nos motiva», di.

Sidibé recibe a alta médica

A baixa, por terceira xornada, de Adrián Gómez por lesión, e a de Pedro García por acumulación de amonestacións obriga a Rafa Sáez a estrear unha liña de catro na zaga. Será nunha semana na que Sidibé vén de recibir, 14 meses despois, a alta médica da súa grave lesión de xeonllo. Con todo, o seu técnico di que toca agardar a que o mediocentro recupere as sensacións necesarias antes de volver competir.