Dos lugares con nome de Santo


Preguntáronme estes días por que San Vicente se chama así. A resposta foi demasiado obvia: polo forza da relixión. Ese tipo de denominacións é abundante no norte de España, delimitado coa liña de dominación cristián do ano 1000: máis ou menos a proxección do Douro, cortando a península. De aí cara o Sur, diminúe esa profusión. En Galicia, co meirande número de núcleos de poboación, existe unha impresionante cantidade de lugares co nome dun santo. Confrontando topónimos relixiosos con militares, en Galicia a relación é de 90 a 9 e en Castela é 72 a 27 e de aí para Sur vaise igualando ata darlle volta. Reflicten a historia de Galicia, coa Igrexa cun poder case absoluto exercido parroquia a parroquia. O santo Vicente foi un clérigo oscense martirizado cruelmente en Valencia, onde finou o 22 de xaneiro do 304. Deste protomártir xa se preguntaba san Agustín (354-430) que rexión do imperio non celebraba a gloria do diácono Vicente. Obviamente, antes da morte do santo o topónimo era outro: posiblemente, por dicilo dalgún xeito, o céltico Ocobre. Parece claro que se denominaría San Vicente despois de existir un templo con esa advocación. É dicir: primeiro foi a igrexa, a de Adro Vello e despois o nome estendeuse á aldea e á parroquia. O lingüista catalán Francisco Marsá dicía que os topónimos, por exemplo coa palabra castelo, non correspondían a unha localidade na que se construíra un castelo, senón a un castelo ó redor do que despois ía crecendo unha poboación. Iso ocorreu con San Vicente: sen prexuízo dos castros, máis ou menos na quinta ou sexta centurias, parece que se ergueu un templo sobre edificios romanos no Adro Vello. Se se confirmase esa data, sería un dos primeiros templos cristiáns e cando aínda cada nova igrexa con advocación requiría dispor nela da reliquia do santo. Por certo, os perpiaños ben cortados que se identifican na cartela deste tristemente abandonado xacemento como pertencentes a esta igrexa orixinaria, non son dela, senón posteriores. En todo caso, foi unha construción singular, a carón do mar, ao lado dun vello porto, nas inmediacións dun castro costeiro, pode que dun templo solar e con fonte milagreira. Tomou, nese inicio da cristiandade, a advocación de San Vicente e, posiblemente, acolleu unha reliquia do santo, desmembrado polo mundo adiante: debaixo do altar de Santa Clara en Pontevedra, un brazo incorrupto en Valencia, unha man e ósos queimados en Lisboa ou restos do cranio en Zamora ou Croacia. O primeiro documento no que aparece ese nome debe ser un de Afonso III (852-910) que, con ocasión da consagración da catedral de Santiago, o 6 de maio do 899, confirmou a previa doazón da igrexa de San Vicente. Así que este haxiotopónimo San Vicente naceu despois do 304, entre a data de construción da igrexa de Adro Vello, por poñer: séculos V ou VI, e o IX, cando se constata esa denominación por escrito. Habería que investigar por que se fixo alí, quen a mandou facer, quen a levantou ou quen levou a reliquia; aínda que o desleixo da Administración non o fará doado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Dos lugares con nome de Santo