Mónica Touriño abre a tempada no Campionato de Europa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

OSCAR VÍFER

Compite en Bélxica, e a vindeira semana no Mundial de Suecia

19 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado martes partiron cara Bélxica, e hoxe e mañá buscarán exprimir as súas forzas e técnica no Campionato de Europa de Mushing ICF. A catoirense Mónica Touriño xunto a Nepal, e o vigués e compañeiro de equipo no Kennel Den vikingo Óscar Piñeiro con Siddharta repiten experiencia, abrindo como un ano atrás a nova tempada de canicrós competindo na gran cita continental da especialidade. Un campionato que dá o pistoletazo de saída a sete días da máxima esixencia, por canto na axenda dos dous pontevedreses figura tamén o Mundial IFSS en Suecia, o xoves e venres da vindeira semana, con 1.700 quilómetros de viaxe entre un e outro destinos.

É este o sexto Europeo na carreira da mellor canicrosser española da historia. Unha cita na que sempre rematou no Top 10, pero sen ser quen de subirse inda ao podio sénior feminino, cun cuarto posto como mellor actuación. O ano pasado, en Suecia, a vikinga completou as dúas mangas oficiais sexta.

Este ano Touriño chega ao inicio da tempada con moitos problemas físicos. Ela, e a súa parella cánida. No seu caso, con moitas molestias no pé esquerdo. No de Nepal, inactivo durante moito tempo tras partir varios dedos dunha das súas extremidades. Unha lesión que mesmo levou a barallar a amputación dos mesmos, ao soldarlles mal e quedar tortos. Un tratamento de varios meses con láser semella ter surtido o efecto desexado.

Así as cousas, e sen practicamente pretempada, Mónica Touriño confesaba onte desde Bélxica que «vai ser moi duro correr nas dúas competicións en tan pouco tempo, con catro enganches en sete días». Sobre todo en Bélxica, nun circuito de algo máis de 5 quilómetros moi enlamado, explica a arousá, o que ralentizará o avance, e elevará o uso da forza sobre a técnica.

Con todo, Mónica Touriño di que «toca saír e tentar gozalo», quedándose con que «Nepal e mais eu volveremos bailar en Europa. Si, bailar, porque así me sinto con el, a súa parella de baile».

Terreo coñecido

Sen practicamente tempo de recuperación, Touriño, Nepal, e os seus compañeiros Piñeiro e Siddharta emprenderán unha nova etapa na súa viaxe de punta a punta polo vello continente, con 1.700 quilómetros de camiño ata a localidade sueca de Nybro. A mesma na que no 2018 se disputara o Europeo. De aí que a catoirense agarde o mesmo circuito. 4.800 metros a través dun bosque, cun chan sen apenas desnivel que favorece sobre o papel os competidores máis rápidos.