Os clubs de baloncesto encabezan o reparto de axudas da Fundación, do que queda fóra o Arousa

AROUSA

MARTINA MISER

Polideportivo Cortegada, BBC e C.B. Vilagarcía reciben 27 de cada 100 dos 82.000 euros da partida do xestor deportivo municipal

17 oct 2019 . Actualizado a las 21:00 h.

O Consello Reitor da Fundación de Deportes de Vilagarcía vén de facer pública a aprobación, «por unanimidade», apúntase, dunha das medidas executivas con maior incidencia directa sobre os clubs locais, un dos dous principais colectivos para o que se creou no seu día o ente municipal encargado da xestión das infraestruturas, subvencións e política deportiva da administración local vilagarciá. Falamos do reparto da partida de axudas económicas directas, con 82.000 euros consignados para a súa distribución inicial entre as 34 entidades incluídas no rexistro da Fundación. Porén, este ano foron tan só 26 as beneficiarias, coas oito restantes ausentes no reparto por, explican desde o ente municipal, non ter xustificado correctamente cadansúa petición de axuda.

Unha situación esta última na que se atopan varios dos clubs de referencia de Vilagarcía. Comezando polo Arousa, que cos arredor de 2.000 socios que vén mantendo vai camiño da década, é con diferenza o club deportivo con maior base social do municipio, así como un dos de maior número de licenzas de deportistas. O Atlético Arousana, que a tempada pasada tiña o seu primeiro equipo competindo nunha Primeira Nacional daquela inda segunda categoría do fútbol feminino español, o Vilagarcía Tenis de Mesa, co seu conxunto de referencia xogando, tamén a campaña pasada, na Superdivisión, a elite profesional do seu deporte, e o San Martín, unha das sociedades deportivas con máis traxectoria da capital arousá, completan o encabezamento das entidades excluídas do último reparto da Fundación, nun listado que completan o C.D Pérez-Sub, Atlético Vilaxoán, A.D.C. Raspa e C.D. Ximnasia Rítmica.

Desde Ravella explícase que «no caso do Arousa, no momento de presentar a documentación, nin sequera cumpría cos requisitos para ser beneficiario de subvencións públicas, de acordo coas bases que regulan as subvencións de Fomento do Deporte Federado e a Lei de Subvencións». No resto dos clubs excluídos, a razón foi «non ter presentado debidamente xustificados, en tempo e forma, os gastos que xustificarían tal decisión».

No Concello recordan que «todas as entidades teñen un mes para presentar a documentación que se esixe e, aínda despois, outro prazo adicional para emendar os erros detectados pola administración».

De entre as 26 entidades que si accederon ao reparto dos 82.000 euros da Fundación de Deportes, os tres grandes clubs de baloncesto de Vilagarcía suman o 27,4 % do total, coa Agrupación Deportiva Cortegada recibindo 8.414,34, polos 7.023,54 que levan, cada un, o Básket Base Club e o C.B. Vilagarcía; Cortegada e BBC, principalmente polo seu proxecto de canteira conxunta, o CLB. O Olimpic (taekuondo), é o cuarto club con maior volume de ingresos directos da Fundación, 6.049,98, seguido polo C.X. Fontecarmoa, con 5.737,05, polo Vilagarcía S.D., con 5.424,12 e polo Club de Remo Vilaxoán, con 4.554,87. Este último, certo é, superado pola suma do C.D. Salvamento e do Natación Vilagarcía, dous clubs que comparten directiva, e que xuntos reciben 4.659,18 euros.