11 euros de débeda con Facenda comprometen o club arlequinado

La Voz

AROUSA

MONICA IRAGO

Un pequeno malentendido deu pé ao bloqueo do Arousa no reparto da liña de axudas directas da Fundación de Deportes de Vilagarcía

17 oct 2019 . Actualizado a las 21:00 h.

O Arousa é xa un habitual no normalmente curto listado de clubs excluídos do reparto anual da subvención da Fundación de Deportes. Por dúas veces quedara fóra do mesmo a comezos da década, cando o seu actual presidente, Manolo Abalo, xestionaba a absorción dun cuarto de millón de euros de débeda herdada da presidencia de José Manuel Gómez. E máis recentemente, noutras dúas ocasión, por erros na tramitación administrativa. Desta volta, explica o propio Manolo Abalo, o problema naceu dun pequeno pasivo duns 11,50 euros do Arousa con Facenda, froito dun malentendido. O retraso nun par de días do pagamento por parte da entidade deportiva tería coincidido, comenta o mandatario arousista, coa solicitude pola Fundación de Deportes do documento acreditativo de estar libre de cargas con calquera administración pública.

Sendo que dita débeda irrisoria foi subsanada tras o peche do prazo de presentación de documentación ante a Fundación, pero antes do acordo do Consello Reitor respecto ao reparto da súa liña de axudas, Manolo Abalo informou onte de que o Arousa recurrirá a súa exclusión, confiando plenamente en que ao final entrará no reparto dos 82.000 euros municipais.

Na mesma liña se manifestaron onte desde o Atlético Arousana, atribuíndo a desestimación da súa solicitude de inclusión na distribución da subvención a un problema menor no redactado, que non na documentación, da memoria de ingresos e de gastos esixida pola Fundación. Por iso recurrirán ante o Concello para recibir a súa parte dos 82.000 euros.