«Para seguir vivindo do marisqueo, o que non pode haber é barra libre»

A campaña que arrinca mañá chega con medidas para acadar un control estrito do marisco que sae dos bancos


vilagarcía / la voz

Mañá arrinca a campaña de libre marisqueo nas augas da ría de Arousa. É un día especial para os rañeiros, que retornan por fin ao mar tras un parón máis longo do esperado. E é, tamén, unha xornada importante para os responsables da asociación Rañeir@s, que ten nas súas mans a tarefa de xestionar Os Lombos, O Cabío e O Bohído, as tres principais zonas de traballo compartido. E iso non é cousa pequena. Así o di Juan Rial Millán, presidente do colectivo ademais de patrón maior da Illa.

-Empeza a campaña con catorce días de retraso sobre o calendario habitual. ¿Por que ese cambio?

-Por varias razóns. Unha delas é que nestes momentos hai moitas artes cerradas, polo que serían moitos os barcos que irían ao marisqueo. Entendemos que sacar quince días a toda esa xente das zonas de traballo ía ser beneficioso para o recurso. Probablemente non vai ser o único cambio de calendario. Tamén temos previsto facer un peche en xaneiro, despois do Nadal, pero esa será unha decisión que se tome en base a como estean os prezos, ao recurso que haxa. E a intención é recuperar logo eses días en abril, pero iso tamén vai depender de como vaia todo. Se daquela o marisco que hai é moi pequeno haberá que pechar, é lóxico, cae de caixón. Outra idea que estamos barallando é a posibilidade de abrir no verán, se os biólogos o consideran oportuno... Aínda que iso paréceme máis difícil que se vaia a facer.

-¿A xente entendeuno?

-Aos mariñeiros cústanos adaptarnos ao cambio, pero ten que ser.

-Pois este ano hai algúns máis. Unha forte aposta pola tecnoloxía.

-O cambio máis grande que vai haber este ano vai estar nos puntos de control. Temos catro vixiantes concedidos a Rañeir@s que nos van permitir facer un traballo máis rigoroso, máis exhaustivo, vixiar mellor as entradas e saídas... Aí é onde entran as tarxetas feitas por Xesmar, que xa as están usando nas confrarías de Cambados e Vilanova. Pasándoas por unha PDA no punto de control, xa vai quedar rexistrada toda a información do barco, cantos quilos leva... En principio, imos poñer en marcha este sistema nos Lombos e no Bohído, e imos saber canto marisco saca cada mariñeiro destes bancos. Nas confrarías que formamos parte de Rañeir@s teremos unha información moi detallada de todo. Nas que están por fóra, a información igual é menor, pero os datos que nós teñamos do que cada un pesou no punto de control van ter que coincidir cos do que subhasta na lonxa.

-¿Como se conseguen esas tarxetas?

-Os mariñeiros que están en Rañeiros xa as estiveron a recoller estes días pasados. Os que están noutras confrarías teñen que dirixirse a asociación e pedila. Nun par de días están feitas. Teñen que facer un pago de 15 euros por elas. Os primeiros días, como haberá aínda moita xente que non teña a tarxeta, tomarémoslle os datos á xente, buscaremos unha solución. Despois, cando xa pase un tempo, os que non lles dea a gana de facela quedarán para o último na cola do control. A nosa intención e que sexan obrigatorias, porque vai mellorar moito o traballo, a recollida de datos, e vaille facer todo máis fácil ao propio mariñeiro.

-¿As confrarías van seguir colaborando na vixilancia?

-Por suposto. Imos coordinar entre todas para facer os mellores controis posibles. Imos ter un despliegue bastante amplo, e o esforzo máis grande ímolo facer nos Lombos. Para ese banco temos unhas normas establecidas que van ser diferentes as de outras zonas, nas que os horarios serán de oito a dúas. Nos Lombos, os barcos poderán ir chegando antes, pero ao entrar teñen que dar os datos ou pasar a tarxeta. Ata as oito da mañá non poderán fondear, e á unha da tarde, todo o mundo no control da batea, onde queremos que se inspeccionen os barcos. Logo, non se poderá saír máis que por debaixo de Cortegada; e seguramente se denunciará a aqueles barcos que se arrimen a outros, a non ser que teñan unha xustificación boa.

-¿Por que nos Lombos?

-Porque cremos que é onde hai que empezar a meter caña. Temos que montar un sistema no que controlemos os barcos que entran, no que non se vaia ninguén sen pasar os controis, que nos permita saber exactamente o marisco que sae do mar... Iso era algo que ata agora non tiñamos. É o que nós podemos facer para rexenerar Os Lombos; controlar a marteilia xa non está nas nosas mans, pero isto si. E non o podemos deixar ir. Obviamente, sempre haberá algún listillo que nos intente meter un gol, e por iso é fundamental ter a colaboración dos propios mariñeiros, que cando ven a un compañeiro -por chamarlle algo- roubando, non pode mirar para outro lado. Ten que dicirllo aos vixiantes, porque lle están roubando a el, a todos. Temos que ser moi serios niso. Pero todos.

-Apelan, logo, á responsabilidade dos mariñeiros.

-E que teñen que ser os principais responsables. ¿Non lle pedíamos á Xunta que rexenerase os bancos para poder ter un traballo digno e vivir do marisqueo? Pois para vivir dun recurso, primeiro hai que coidalo, o que non pode haber é barra libre. Isto ten que ser como o Padre Nuestro, como o abecé. Se pinchamos, se as confrarías non nos poñemos serias, imos perder unha oportunidade moi importante. Por iso temos que ser estritos coas normas. Xogámonos moito, porque se alguén, sen pensar na gravidade do que fai, consegue meter ameixa pequena nunha subhasta, pódenos deixar sen axudas. Por iso tamén lle imos pedir axuda a Gardacostas para que nos boten unha man e evitar que iso pase.

«A nosa intención é trasladar estes días ao mes de abril;

se o recurso está ben, farémolo»

«Se un mariñeiro

ve a outro escondendo marisco non pode mirar para outro lado»

«Para os Lombos do Ulla puxemos unhas normas específicas para controlar mellor»

«O marisco que non dea a talla será decomisado; o mariñeiro xa ten que saber o que leva»

Rañeir@s está a facer circular información sobre as normas de traballo no libre marisqueo. Ademais de explicar os topes de capturas fixados para cada zona, a asociación indica a talla regulamentaria das especies. Algo, sinala Millán, «que os mariñeiros xa saben». Pero se hai que insistir, insístese. Porque, que quede claro, «todo o marisco que non dea a talla vai ser decomisado» sen contemplacións. «Hai moito en xogo», sinala o presidente da asociación de confrarías.

-É un ano de cambios...

-E esperamos que este so sexa o inicio de como van ser os puntos de control. Para o ano gustaríanos seguir mellorando a aplicación de Xesmar para facer todo o proceso máis rápido, para facerlle as cousas máis fáciles aos mariñeiros. E tamén aos vixiantes, e a propia asociación.

-¿Xa se cobraron as aportacións do 1 %?

-Non. De momento estamos rematando os trámites de traslado da sede de Rañeir@s para A Illa, dos estatutos... Cando todo iso estea listo empezaremos a facturar o de principios de ano, e aínda temos que definir cada canto imos facer o cobro do resto. Nese tema, os mariñeiros de confrarías que estean en Rañeir@s non teñen que facer nada, xa se encargan as súas confrarías. No caso dos que están noutras, teñen que poñerse en contacto coa asociación, traer as facturas das lonxas nas que vendera e nos facturarémoslle o un por cento co IVE. Con eses cartos esperamos poder pagar vixilancia e un biólogo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Para seguir vivindo do marisqueo, o que non pode haber é barra libre»