Campos, Romero e Álvarez abren o camiño de España ao Mundial de China

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Os breoganistas adiántanse dous días á selección na viaxe a Shaoxing

09 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá, ás 9.25 horas, Tono Campos, Diego Romero, Tania Álvarez e a luguesa do Kayak Tudense Tania Fernández iniciarán no aeroporto vigués de Peinador unha longa viaxe de máis de 24 horas con destino a China, onde teñen previsto aterrar a iso das catro da tarde do venres previas escalas en Madrid e Doha (Catar), e chegada a Hangzhou, a megalópole de case 10 millóns de persoas situada no leste do xigante asiático, e a media hora de Shaoxing, a localidade na que se disputará o Campionato do Mundo de Maratón entre os días 17 e 20 do presente mes. Os ases do Breogán do Grove, Campos, Romero e Álvarez, xunto coa compañeira desta última no K2 Sénior Feminino, decidiron adiantarse en dous días ao resto dos integrantes da ampla selección española inscrita na cita, que partirá o sábado desde Madrid nun voo directo a Shanghai, cos canoístas xuvenís do Náutico Pontecesures Javier Ordóñez Muñiz e os irmáns Iago e Iria Romero Rey na expedición.

A decisión de adiantar 48 horas a viaxe respecto aos seus compañeiros de equipo nacional obedece, explicaba onte Tono Campos, á intención de «adaptarse mellor ao cambio de hora», con 6 de diferenza entre Shaoxing e O Grove. Unha necesidade que o propio Campos constatou no Mundial do 2011 disputado en Singapur, cita na que na proba de C1 «me gañara un alemán que nunca antes me gañara, que nunca máis o volveu facer, e que levaba máis tempo de adaptación aló», recorda o meco.

Campos e Romero aspiran a reunir tres medallas cada un, competindo na proba curta (3,6 quilómetros), que se estrea no programa do Mundial e na que tamén figura inscrita a súa compañeira kaiakista, e mais nas regatas longas da canoa sénior individual e de dobres (26,4 quilómetros). No caso do primeiro, sería o seu segundo dobrete, logo de aproveitar a estrea da distancia curta no último Europeo, converténdose no primeiro subcampión continental da modalidade antes de colgarse o ouro no C1 e o bronce con Romero no C2. Campos defenderá en Shaoxing o título mundial na canoa individual, e Romero o do C2, que conquistaba un ano atrás en Portugal xunto co pontevedrés Óscar Graña, desta volta acompañado polo tudense Pedro Areal.

Levantándose ás 3 da mañá

Con todo, Tono Campos non agardou a chegar a China para iniciar a súa adaptación. Esta semana comezou a erguerse ás 3 da madrugada, as 9 da mañá en Shaoxing, para ir adaptando o reloxo biolóxico do seu corpo e afinando a súa activación desde primeira hora do día durante a celebración do Mundial. A cita de Singapur no 2011, e a súa asistencia convidado xunto a outras estrelas do maratón internacional a Hangzhou no 2012 para unhas regatas amigables, sérvenlle a Campos de referencias para trazar o camiño máis seguro cara ás medallas en China. De aí que saiba tamén da importancia de afacerse ben ao alto nivel de humidade ambiental.