O cálculo da Federación cifra en máis dun millón de euros a reforma das Lombas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O arquitecto alerta do perigo de colapso da cuberta do campo

06 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A reforma integral do campo municipal de fútbol das Lombas de Catoira precisaría dun investimento de 1.163.500 euros. Este é o cálculo realizado por Santiago González García, arquitecto especializado en infraestruturas deportivas, na memoria do proxecto que a Real Federación Galega de Fútbol lle solicitou tras a recente visita do seu presidente, Rafael Louzán, á instalación xunto co alcalde vikingo, o nacionalista Xan Castaño, e o voceiro municipal do PP, Iván Caamaño.

A RFGF trasladoulle esta semana a memoria da reforma redactada ao club local, o Catoira SD, e este, á súa vez, ao alcalde, quedando o ente federativo a disposición do club e do Concello para, se o estiman, tomarlle a palabra a Rafael Louzán, que onte reiteraba o compromiso da RFGF de asumir a contratación e o custo da redacción do proxecto construtivo.

O cambio do céspede de herba artificial, completamente desgastado tras ser un dos primeiros que se colocou en Galicia e non ter sido substituído desde entón, unido a obras no sistema de drenaxe e de rego, máis a mellora do equipamento do terreo de xogo obrigaría a un investimento de 253.500 euros. Con todo, a partida máis cara na proposta de reforma integral redactada polo arquitecto Santiago González para a Federación dedicaríase á demolición e construción dun novo graderío e vestiarios, con 650.000 euros orzamentados.

Respecto ao graderío, o arquitecto alerta de que «está en muy mal estado estructural», ata o punto de advertir que «es urgente que se tomen medidas preventivas para evitar el colapso en la cubierta», cunha estrutura «completamente oxidada», e «pilares de apoyo en muy mal estado».

Potencial zona polideportiva

Ademais, na memoria presentada propónse un novo sistema de iluminación, e o retranqueo do muro perimetral do campo para a habilitación dunha zona de aparcamento e tamén a liberación dun espazo que dea paso a unha zona polideportiva no lugar.