Os Ingleses apretan filas esta tempada, mermados polas saídas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O equipo abrirá o domingo a Liga na casa co Vigo B tras perder a un de cada tres rugbieres este verán

04 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Domingo, 11.30 horas, campo do estadio de atletismo de Fontecarmoa. Os Ingleses arrinca esta semana a Liga de Primeira Galega 2019/20 exercendo de anfitrión ante o Universidade de Vigo B, que pedíu o troco de campo por problemas co seu. Unha circunstancia que favorece o cadro vilagarcián nunha competición que este ano cambia radicalmente, ao decidir a Federación Galega de Rugbi unificar as dúas categorías masculinas autonómicas, dando pé a un campionato regular con trece equipos.

Con todo, o número de partidos, di o de novo adestrador dos Ingleses, David Lema, será semellante. E iso, porque a Liga está programada a unha soa volta, cos seis mellores clasificados xogando despois eliminatorias directas a un único encontro polo título e polas dúas prazas galegas na vindeira fase de ascenso á División de Honra B.

Desta última vén o CRAT coruñés. Un equipo no que Lema non lembra en categoría autonómica, nun descenso non deportivo, senón voluntario, co club herculino entendendo que o mellor para si era dar un paso cara abaixo esta tempada, mentres o equipo sénior feminino defende a súa condición de rei de España. O CRAT convértese deste xeito nun dos claros favoritos ao título da Primeira Galega xunto con, opina Lema, o Ferrol, campión os dous últimos anos cos Ingleses como vítima na final, e co Pontevedra R.C. Este último, sinala o técnico vilagarcián, logo de que este verán «recuperou a moitos rapaces que estiveron xogando en División de Honra B en Vigo e en Ourense», o que o dota dun gran potencial.

¿E Os Ingleses? Pois Lema é sincero: «Agora mesmo, non nos vexo entre os favoritos». E aos números se remite: «Este verán perdemos seis titulares. Gamba (pilier), fichou polo Barbanza, o noso equipo filial na Segunda a tempada pasada, da segunda liña, Marcos deixouno por problemas nun talón, e Maverick marchou traballar a Irlanda, nas ás Javi e Manolo Amor non poden seguir por estudos, e Xoán Teijeiro, terceira liña, subíu á División de Honra B co Ourense».

Sen xuvenís que suban, Os Ingleses pasou de 30 a 21 fichas, e unha destas últimas é a de Romo, que a semana pasada sufría unha fisura nun peroné que o manterá no dique seco non menos de tres meses. Así as cousas, «toca facer equilibrios», declara Lema, cunha segunda liña en cadro, polo que «será a tempada a que marque o obxectivo».

A ilusión, e o coñecemento dos compañeiros e das mecánicas de xogo, son a gran baza dos Ingleses para compensar a perda dun de cada tres rugbieres do curso pasado. Iso, e o traballo de preparación feito desde que o 19 de agosto iniciaron a pretempada.