Ribadumia e Vilalonga coprotagonizan o duelo da xornada da Preferente

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

ADRIAN BAULDE

O Céltiga recibe o pechacancelas, Portonovo, e o Juventud Cambados visita o Xuventú Sanxenxo

22 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un partido sobresae entre os dez encontros da quinta xornada de Liga da Preferente Galicia. O que esta tarde, a partir das sete, coprotagonizan o C.D. Ribadumia e o Vilalonga sobre o céspede da Senra. Un choque entre dous dos claros favoritos a pelexar ata o último mes polas dúas prazas de ascenso directo á Terceira División esta tempada.

O Vilalonga chega cun punto máis, terceiro na clasificación con 9 dos 12 posibles, e despois de asinar unha crispada remontada sete días atrás no Novo San Pedro ante o Polígono San Ciprián. O C.D. Ribadumia, pola súa banda, parte hoxe quinto na táboa con 8 puntos, pero tamén como un dos seis equipos quen de chegar á quinta xornada de Liga sen coñecer inda a derrota, logo de dous triunfos e doutros tantos empates. A solidez defensiva, con tan só 3 goles concedidos polos locais, por 4 os visitantes, promete un intenso partido na Senra.

O Céltiga recibe pola súa banda o pechacancelas Portonovo, no Salvador Otero desde as seis da tarde. O cadro de Javi Rey confía en sumar 3 puntos ante un adversario ao que lle está a custar readaptarse á que foi a súa habitual categoría.

Mentres, o Juventud Cambados desprázase ao Campo de Baltar de Arriba (18 horas) para enfrontarse a un Sanxenxo cos seus mesmos 5 puntos.