A banda de Valga estrea «Carmina Burana»

D. S.

AROUSA

MONICA IRAGO

Cento cincuenta artistas interpretarán o sábado, no Gaiás, a versión en galego do clásico de Carl Orff

20 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A versión en galego de «Carmina Burana» abre mañá, na Cidade de Cultura, o cilco Viraxes. Trátase dunha serie de tres concertos nos que as bandas de música populares fusionarán o seu repertorio con outros xéneros e formatos, como a música clásica, o circo ou o teatro. O seu obxectivo é apoiar, dende a Administración galega, a experimentación no eido musical.

O concerto inaugural corre a cargo da banda municipal de música de Valga, á que acompañarán a soprano Esperanza Mara, o tenor Enrique Alberto Martínez, o barítono Eliseu Mera e o coro Gli Appassionati, baixo a dirección de Manuel Villar Touceda. Trátase da primeira tradución dos textos medievais íntegros, realizada por Raúl Gómez Pato, coa música orixinal, unha tradución feita e pensada para o público do século XXI.

O «Carmina Burana» en galego reunirá mañá, a partir das seis da tarde e de xeito gratuíto, a 150 artistas sobre o escenario da Cidade da Cultura. Este tratamento da peza exemplifica a procura de Carl Orff dun formato que revele o poder elemental da música, permitindo ao oínte experimentala como unha forza primitiva e abrasadora. A proposta ofrece, deste xeito, un plan musical e familiar para o derradeiro sábado do verán.

O concerto vaise desenvolver no anfiteatro do Xardín do Teatro. A non ser que as condicións meteorolóxicas sexan desfavorables. De ser así, trasladarase ao andar -1 do museo Centro Gaiás. A entrada é libre e de balde.