Sementando con paciencia o primeiro equipo feminino de triatlón

AROUSA

MONICA IRAGO

Animada polos seus camaradas do Vilagarcía, Martina López reuníu un grupo de 15 corredoras. A mira está xa posta na tempada de duatlón

18 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Club Triatlón Vilagarcía Atenas Running botaba a andar en xaneiro do 2016. E desde o primeiro día os seus promotores, deportistas da capital arousá e da contorna que viñan competindo espallados en diferentes escadras doutras localidades, apuntaron na súa lista de desexos, e de deberes, tentar conseguir un equipo feminino dentro da súa estrutura. Dous anos despois daquel primeiro paso, no inicio do 2018 sumábanse ao proxecto as dúas primeiras mulleres con ficha no C.T. Vilagarcía: Luz Pérez e Martina López.

Da man desta última o club, en particular, e a comarca, en xeral, están máis preto de conseguir ese gran paso adiante anhelado. Cun grupo de quince corredoras reunidas por López ao longo deste verán. Sementado o chan, agora toca coidar o terreo na procura do xermolo de a lo menos esas dúas triatletas que, engadidas ao par xa federado, sumen as catro integrantes requeridas como mínimo pola regulamentación federativa para poder competir nas probas por equipos.

Martina López é padronesa. Hai oito anos afincouse en Vilagarcía, e o cambio de domicilio levouna a sentir de novo no seu corpo a necesidade de practicar deporte diario. Como cando de nena competía polo club de natación da súa localidade, ata que con 18 anos as cousas da vida a prexubilaron dos longos con medallas por cenoiras. «Hai un par de anos coñecín a xente do Triatlón Vilagarcía na Travesía a Nado de Vilaxoán», lembra López. A coincidencia na piscina municipal con deportistas do club, e a súa base de nadadora, acabaron por animala a entrar nel case á par que Luz Pérez. As dúas fixeron xa os seus primeiros triatlóns no 2018. Pero para poder acudir a carreiras por equipos, víronse na obriga de asociarse con outras triatletas nas súas mesmas circunstancias por falta de ese cuarteto mínimo requerido aos clubs.

Animada desde o primeiro día polos seus compañeiros no C.T. Vilagarcía, Martina López tomou a iniciativa a comezos deste verán. «Entre os meus contactos de rapazas que quedabamos para saír correr e outros que me pasaron rapaces do club, un día decidín facer unha quedada. Era algo que levabamos falando entre nós desde sempre no club, que a ver se reuniamos un grupo de chicas para correr. Xuntar a xente para nadar e para saír en bicicleta é máis complicado. A correr anímase máis xente», comenta a promotora da idea. E o boca a boca, pero tamén o ollo a ollo -«varias rapazas animáronse ao ver a outras»- foi elevando o grupo a 15.

Son 15, pero a cada saída aparecen arredor da metade, explica López: «Quedamos os luns e os xoves ás dez da noite diante do ximnasio Wonder -a carón da Capitanía Marítima de Vilagarcía-. Somos sete ou oito por sesión. A máis nova ten 25 anos, e a maior 45, de profesións moi dispares, e case todas nais. Somos as menos as que non temos nenos».

Martina anima a quen queira formar parte do grupo a aparecer calquera dos días e á hora sinaladas. E se se preguntan polo percorrido, semella do máis asequible para quen teña xa as pernas afeitas a un mínimo de mobilidade: «Imos ata a praia do Preguntoiro de Vilaxoán, ás veces tiramos cara a Carril. Son 6-7 quilómetros». Claro que «supoño que irá variando a medida que vaiemos collendo fondo», advirte a triatleta.

¿Como de preto está o equipo feminino de triatlón? Martina López é realista: «É difícil. Porque para a natación algunha tería que ir antes a algún curso, e non todas teñen bicicleta, que xa supón un investimento». Así as cousas, a cicerone do C.T. Vilagarcía prefire ir paseniño, e asentar unha base sólida sustentada no crecemento da relación que as súas compañeiras de trote poidan ir establecendo coas outras dúas patas do triatlón. «O importante é facer grupo», di, «o triatlón creo que é algo que lles chama a atención, e as pode enganchar».

Por iso, igual que para tocar a gaita primeiro hai que saber dominar o punteiro sen pensar sequera no fol, Martina López explica que «vexo máis fácil facer primeiro algún duatlón por equipos». Nos seus plans está, de feito, conseguir animar a varias compañeiras de grupo a probarse esta mesma próxima tempada, o vindeiro inverno. Será entón quizais cando comece agromar o plantado.

Ás portas do Desafío Illas Cíes

O Triparalelo da Pobra do Caramiñal foi, o 20 de maio do 2018, o bautismo de Martina López no triatlón. Ao rematar o seu primeiro ano na disciplina, a deportista do C.T. Vilagarcía Atenas Running levaba xa catro carreiras, todas na modalidade de esprint. Esta tempada acercouse á decena de probas, entre individuais e por equipos tirando, como xa se comentou, de asociadas esporádicas que coma Luz Pérez e ela mesma, non tiñan compañeiras suficientes nos seus clubs. A modalidade olímpica, 1.500 metros a nado, 40 en bicicleta e 10 a pé, será ata este domingo o límite de Martina. Ese día a vilagarciá participará no Desafío Illas Cíes, un medio ironman (1,9 quilómetros/90/21) para o que leva mes e medio de preparación.