Un novo curso de arte ao alcance de todos os vilagarciáns

la voz / Vilagarcía

AROUSA

MONICA IRAGO

«Os martes, arte» bota a andar a vindeira semana da man, coma sempre, de Augusto Guedes

18 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os encontros sobre creación artística «Os Martes, Arte» inician un novo curso no Auditorio o vindeiro martes, 24 de setembro. A actividade dirixida dende os seus inicios polo profesor Augusto Guedes, está aberta a toda a poboación, sen límite de idade. Só fai falla ter ganas de aprender e de gozar coas mellores producións que ten dado de seu o ser humano. As xornadas son de carácter gratuíto, polo que os interesados en aprender ou afondar no mundo da arte so teñen que achegarse os martes ás sete e media da tarde ao seminario do auditorio municipal.

Seguindo o esquema das edicións anteriores, as sesións, de unha hora de duración, intercalarán un estilo antigo ou histórico coa obra dalgúns autores contemporáneos. Nesta ocasión, analizarase a arte do románico e a obra do creador italo-arxentino Lucio Fontana, un dos fundadores do intraespacialismo.

A Concellería de Cultura que dirixe Sonia Outón colabora na organización de «Os Martes Arte», o programa que pretende achegar o arte á cidadanía dun xeito didáctico, divertido e accesible a calquera, teña ou non coñecementos sobre a materia.

Ás sesións de «Os Martes, Arte» poderá asistir calquera persoa que o desexe, sen necesidade de inscribirse previamente nin de ter coñecementos previos, xa que Guedes, de xeito interactivo e dinámico, explicará aos asistentes o contexto da obra a estudio, as súas características, as circunstancias do autor, as técnicas empregadas na súa elaboración e outros aspectos precisos para entender o que pretendeu expresar o creador ou o significado da obra.