Amegrove conserva a praza na LGT-A polo salto de Ares

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O adestrador deixou claro que os plans do club seguen a ser apostar por remeiros novos, e da casa, no 2020

17 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A afección do C.R. Ares puido festexar o domingo o regreso, dous anos despois, da Santa Olalla á Liga Eusko Label, a máxima competición do barco rei do banco fixo, a traiñeira. Mais non foi só a familia aresana a que gozou do seu triunfo no play-off de permanencia-ascenso en augas de Portugalete. Na ría de Arousa, as xentes do Amegrove puideron celebrar que a bancada mexilloeira repetirá a vindeira tempada o dereito a competir na Liga Galega de Traiñeiras A, a máxima categoría autonómica, que os de Iván Fandiño perderan no play-off de permanencia-ascenso o 31 de agosto. Daquela, co segundo e co terceiro clasificados da LGT-B, Esteirana e Coruxo, facéndose coas dúas prazas en xogo, deixando a Amegrove e Muros dependendo do salto á elite de Ares e Tirán, as bancadas galegas con dereito a optar á Liga Eusko Label como campión e de subcampión da LGT-A. 

O adestrador de Amegrove declaraba onte que «sempre á algo positivo estar na Liga A», se ben deixou claro que os plans do club seguen a ser apostar por remeiros novos, e da casa, no 2020.

Martín releva a Fran González

No veciño C.R. Mecos, onte confirmouse que Martín Fernández Prol, remeiro do club durante máis de 20 anos e adestrador nas categorías base os últimos 6, é o relevo de Fran González á fronte da Mequiña, tras poñer este punto final a un ciclo de 3 anos.