O EuroXacobeo bota a andar co desexo de recuperar un torneo base internacional en Vilagarcía

O campionato arrinca o xoves no pavillón de Fontecarmoa, con catro equipos españois, un luso e un inglés Sub-16


vilagarcía / la voz

Baloncesto Torrelodones-Estudiantes Lugo (10 horas), Cajasiete Canarias-Obradoiro (12), Estudiantes Lugo-S.L. Benfica (18) e Baltic Stars (Londres)-Cajasiete Canarias (20 horas). Con este primeiro prato sub-16, coa guinda do Baloncesto Torrelodones Júnior-Bosco Ourense feminino (16 horas), bautízase hoxe no Pavillón Número 1 de Fontecarmoa, Vilagarcía, o Torneo EuroXacobeo. Unha iniciativa dun grupo de alumnos do ciclo superior de Técnico de Baloncesto do IES Fermín Bouza Brey da capital arousá que, explicaban a primeira hora da tarde de hoxe mércores na presentación do campionato dous dos seus promotores, Eduardo Cadenas e Nerea Corredera, naceu do seu desexo de converter o seu proxecto de fin de ciclo, paso obrigado para a obtención do mesmo, nunha realidade tanxible.

Coa dirección e a axuda do titor do ciclo, Pablo Villaronga, e do profesor Iván Villar, os alumnos reuniron a dúas canteiras galegas, dúas máis de Madrid e de Canarias e un par procedentes do estranxeiro, de Portugal e Inglaterra. A intención, comentou Pablo Villaronga, é «recuperar o espírito do torneo Vilagarcía Basket Cup» que se mantivo ata hai escasos anos, en referencia á cita internacional sub-18/sub-20 que chegara a converterse, e a Vilagarcía por extensión, en referente no vello continente ao traer canteiras do nivel das do Zalguiris Kaunas, Real Madrid ou F. C. Barcelona. Con tal fin, «a nosa idea desde o ciclo é que en vindeiros cursos os alumnos das seguintes promocións lle dean continuidade ao proxecto», di o titor.

Os seus promotores agradeceron o apoio imprescindible do Concello de Vilagarcía, co alcalde, Alberto Varela, presente no acto para devolvelo e darlle os parabéns aos alumnos e ao seu centro, e tamén da xerencia do Xacobeo da Xunta de Galicia. Un apoio que permitirá tres xornadas de baloncesto sub-16 de calidade en Fontecarmoa, coa entrada gratis, que culminarán o sábado cos partidos polo 5.º-6.º postos (10 horas), 3.º-4.º (16) e polo título (18). Os equipos gozarán dun percorrido en barco na tarde de mañá pola Ruta Marítimo Fluvial do Ulla, o camiño da translación do apóstolo Santiago a Iria Flavia, a fin de convertelos en pregoeiros do Camiño de Santiago.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

O EuroXacobeo bota a andar co desexo de recuperar un torneo base internacional en Vilagarcía