«Xa non hai motivos para dubidar. Podemos confirmar que nun ano volveremos ter EncestaRías»

O firme respaldo trasladado polas institucións, polos clubs, polos árbitros e ata pola ACB disipan a tradicional cautela post torneo da organización


Durante as súas catro primeiras edicións, o Torneo EncestaRías incorporara á súa liturxia un epílogo que viña a arrefriar os ánimos dos amantes do bo baloncesto en Arousa e proximidades. Tras dúas tardes de auténtico luxo para unha praza como Vilagarcía, sen baloncesto propio sequera semiprofesional, nin trazas de velo en moito tempo, da man de equipos ACB aos que se sumaba o Alba Berlín de Aíto no cartel do 2018, os organizadores do evento acompañaban sempre a súa satisfacción polo éxito do espectáculo deportivo negándose a asegurar unha nova edición do campionato a doce meses vista. Ata onte.

Á confirmación do acerto da elección do cartel no exame en pista das semifinais e finais coprotagonizadas desta volta polo San Pablo Burgos, Alba Berlín, Monbus Obradoiro e Coosur Real Betis, con este último campión, engadíuse desta volta un salto cualitativo no nivel de respaldo de todos os estamentos que precisan os promotores do torneo para poder seguir tirando adiante: «Digamos que este ano saímos moi reforzados a nivel de organización. Escoitando dos equipos e árbitros da ACB que participaron, e da propia Asociación de Clubes de Baloncesto, que queren repetir connosco, e que nos piden que sigamos. A iso sumámoslle que o Concello, a Deputación e a Xunta nos din que seguirán apostando por nós. Xa non temos motivos para ter dúbidas», declaraba hoxe Iván Villar, xunto a Diego Doval, o alma mater e cabezas pensantes do EncestaRías, á hora de respostar á pregunta obrigada de cada postedición do torneo: ¿Volverá a poder gozar Vilagarcía del o vindeiro ano? -«Si».

Récord de espectadores o venres

As boas novas comezaron a chegarlle á organización do cuadrangular mesmo antes do primeiro salto inicial no parqué de Fontecarmoa. «Sabiamos que iamos ter máis xente do habitual pola venda anticipada», conta Iván Villar, e «a entrada do venres foi a mellor dunha primeira xornada do torneo nas cinco edicións. Ese día tivemos case 1.000 espectadores». Máis, de feito, co día seguinte, o das finais de consolación e polo título. «Ao non xogar o Obradoiro o derradeiro partido, o sábado comezamos con 850-900 persoas, e rematamos cunhas 700», polo milleiro que, aproximadamente, acudiran á final polo título do 2018, recorda Villar sinalando que daquela si estaba o cadro compostelán.

Desde o EncestaRías salientan: «Os partidos do noso torneo están a ser moi igualados e de moito nivel, e iso axuda». Para o público. Pero tamén, para implicar a todos eses estamentos indispensables para a existencia e continuidade do invento. «O Betis, que se estreaba, díxonos que por eles repetirían o ano que vén, e que o noso está no Top 3 dos torneos nos que teñen participado. Os colexiados, que tamén participaron nun clínic, e catro deles nunha avaliación do comité técnico arbitral da ACB durante os partidos, quedaron encantados, e dixéronnos que volverían pensar en contar connosco. Da ACB chamáronnos para felicitarnos por toda a organización. Todos os anos recibimos este tipo de opinións. Pero neste, máis ca nunca. Notamos», afirma Villar, «que estamos máis asentados, e o torneo é máis coñecido».

Ideas para seguir medrando

Iván Villar di que os organizadores do EncestaRías non tiveron tempo aínda de pensar na vindeira edición, se ben «a nosa idea é volver apostar por un equipo estranxeiro e co Obradoiro», ao que suman «a ilusión de que o Breogán, o Ourense ou o Coruña ascendan á ACB» para poder contar con maior presenza galega en Vilagarcía. A intención pasa tamén por darlle continuidade ás dúas grandes novidades da última edición. A retransmisión en directo, nesta ocasión só da derradeira xornada, coa ACB pedíndolle ao torneo poder usar o seu sinal na páxina da segunda maior liga de baloncesto do planeta. E o concurso de triplas solidarias.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Xa non hai motivos para dubidar. Podemos confirmar que nun ano volveremos ter EncestaRías»