Benfica e Baltic Stars de Londres, nun torneo Sub-16 en Fontecarmoa

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Obradoiro, Estudiantes Lugo, Torrelodones e Cajasiete Canarias completan unha iniciativa de alumnos do IES Bouza Brey

09 sep 2019 . Actualizado a las 21:49 h.

Co eco do V EncestaRías resoando inda nas paredes do pavillón número 1 do complexo polideportivo de Fontecarmoa, este xoves comezará na instalación vilagarciá a primeira edición do Torneo EuroXacobeo. Unha iniciativa de oito alumnos do Ciclo de Baloncesto do I.E.S. Fermín Bouza Brey a modo de proxecto de fin de grao, e que reunirá durante tres xornadas os conxuntos Sub-16 do S.L. Benfica de Portugal, do Baltic Stars de Londres, campión inglés, do Cajasiete Canarias, do Baloncesto Torrelodones e mais os galegos Obradoiro e Estudiantes Lugo. Xunto a eles, o cadro Sub-18 feminino do club madrileño, que cada día, ás 16 horas, se medirá sucesivamente ao Bosco Ourense, o CLB de Primeira Autonómica e, por último, ao Ensino Lugo.

Coordinado polo profesor do proxecto, Iván Villar, e mais polo titor do Ciclo de Baloncesto do I.E.S. Fermín Bouza Brey, Pablo Villaronga, o I Torneo EuroXacobeo é respaldado polo Concello de Vilagarcía e mais pola xerencia do Xacobeo, ente da Xunta de Galicia.

Torrelodones, Benfica e Estudiantes Lugo partirán encadrados no Grupo A, e o resto no B, enfrontándose nunha liguiña o xoves, en partidos ás 10, ás 12, ás 18 e ás 20 horas, e o venres, só en xornada de mañá, antes de gozar os participantes dun paseo pola Ruta Marítimo Fluvial do Ulla. O sábado serán os partidos polo 5º-6º postos (10 horas), polo 3º-4º (12) e a final (18 horas).