Ribadumia aplaude con agarimo o 75 aniversario da chegada do cura párroco Dositeo Valiñas

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O arcebispo Xulián Barrio oficiou a misa de homenaxe ao crego

02 feb 2021 . Actualizado a las 23:10 h.

Quen o coñecen e o tratan falan del con moito agarimo. Debuxan unha persoa consciente do seu labor e do seu lugar, tanto hai 75 anos, cando chegou a Ribadumia como capelán e a influencia da Igrexa era moi importante, como na época actual, na que a proxección pública da institución eclesiástica é moito menor e se enmarca, fundamentalmente, no eido das crenzas. Don Dositeo Valiñas Fernández recibiu onte o cariño dos seus veciños e fieis, porque o segundo serán máis ou menos, pero os primeiros son todos. Sempre respectuoso co pensamento de cada quen, don Dositeo demostrou manter unha perfecta lucidez malia a artrose que o ten confinado nunha cadeira de rodas para poder moverse e desprazarse.

O Concello de Ribadumia e as entidades das parroquias de Santa Baia de Ribadumia e de San Xoán de Leiro colaboraron nunha merecida homenaxe, que principiou coa misa solemne que o arcebispo de Santiago, Xulián Barrio, oficiou en Santa Baia.

A celebración trasladouse de seguido á carballeira de Ribadumia, onde se desenvolveu un xantar popular amenizado pola agrupación músico-cultural. As actuacións estendéronse á sobremesa con Añoranza, o dúo As Lembranzas, os amigos do acordeón Rías Baixas e as gaitas de Os Carballeiras. Don Dositeo, por lembrar un fito, participou na fundación do CD Ribadumia.