«A loita contra o lume precisa o apoio e a implicación da Administración»

xiana r. olivares PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

Ramón Leiro

Os comuneiros denuncian a falta de medios e reclaman o cumprimento da lei para poder previr os lumes

07 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A tranquilidade dun verán sen lumes parece ter chegado á súa fin. Nunhas semanas previas ao outono ameazadas polas recentes xornadas de fortes ventos e calor continuado -as circunstancias que fan saltar as alarmas entre as comunidades de montes-, o risco de lumes multiplícase. Os comuneiros traballan durante todo o ano para previr os desastres, pero reclaman máis medios e unha implicación real por parte da Administración para que se dea unha prevención efectiva.

-Despois dun verán bastante tranquilo, ¿como ve a situación para os vindeiros meses?

-Pois igual que os últimos anos. Realmente non aprecio cambios significativos. Pódese ir vendo que hai intencionalidade e demais, pero non hai un cambio radical que permita percibir que nos estamos antepoñendo á situación. Con respecto aos incendios forestais, non vexo un cambio significativo que vaia máis alá da predición do tempo. Neste sentido, cando veñen unhas circunstancias como as que temos agora mesmo -que levamos uns días continuados de calor e un vento moi intenso, tamén prolongado-, ao final todos botamos as mans á cabeza.

-Non se tomaron medidas para abordar a situación de maneira efectiva.

-Exacto. Non se tomaron medidas reais a pé de campo que che fagan sentir máis seguro con respecto á entrada de lumes para poder atallalos con seguridade. Neste sentido, non avanzamos: seguimos tendo o mesmo problema estrutural do territorio.

-¿Cal é o problema?

-Para empezar, atopámonos nunha situación onde se dá un incumprimento da lei sistemático. De feito, os axentes competentes -axentes forestais, o Seprona, a autonómica...- deben velar polo sector forestal igual que o fan os axentes de tráfico no seu sector. E, de non haber medios suficientes, deben demandalos, e deben actuar de oficio. É dicir, con todas aquelas parcelas que estean incumprindo a lexislación debe haber unha resposta. Eu levo na mancomunidade de Pontevedra sete anos e aínda non tiven un trato directo co axente forestal que me corresponde na zona, e iso non pode ser. ¿Para que están? ¿Só para incendios forestais? Aquí o importante é o traballo que se fai durante todo o ano.

-¿Que medidas habería que tomar nestes casos?

-Eu solicito e demando unha actuación directa. Aínda que nos prexudique, porque en moitos casos a nós pódenos caer unha denuncia, pero se non funcionamos polas boas, coa información, hai que ir polas malas. Aínda que sexa unha medida impopular, ten que ser así. Ao final, se todos sabemos que hai un problema pero non hai ninguén que se decida a parar e sancionar, todos imos seguir facendo o mesmo. Iso si: antes de sanción, incentivo. Por esa orde. Primeiro hai que involucrar á Administración e tomar medidas, pero ao mesmo tempo hai procedementos. E hai axentes encargados de poder facelo, hai lexislación, hai moitas opcións, persoal e ferramentas. Se non é suficiente, hai que demandalo. Isto é así.

«As comunidades de montes teñen intencións, pero non teñen medios»

Os comuneiros e os propietarios particulares son os dous axentes que conforman o tecido territorial que padece o alcance máis inmediato dos incendios forestais. Os primeiros realizan labores de limpeza ao longo do ano, sobre todo nos tramos próximos ás vivendas e nas zonas máis baixas, a contorna máis vulnerable por mor da invasión do eucalipto.

-¿Cal é a actitude entre os propietarios particulares?

-Apenas vexo cambios, por non dicir practicamente ningún. Quen está concienciado continúa así, pero é un sacrificio bastante considerable, tendo en conta os esforzos que se fan. Pero a maioría segue igual: en situación de abandono, deixadez ou incumprimento da lei.

-¿Como é a relación coas administracións?

-En canto a Administración local, temos contactos, pero non hai cambios significativos. Coa autonómica si se deron cambios este ano, desde o aumento no tempo da contratación de persoal de extinción de incendios ata iniciativas que non se ven no noso concello, pero se ven noutros. Por exemplo, o convenio entre a Fegamp, a consellería de Medio Rural e Seaga, onde se están facendo as limpezas de fincas de particulares a un prezo moi significativo, e estase intentando abordar o incumprimento da lei das faixas secundarias.

-¿Que faría falta para que se deran cambios significativos?

-Para min, fai falta o apoio e a implicación directa da Administración local, aínda que os terreos non sexan da súa competencia. Deben sentarse a traballar, estudar a situación e actuar en consecuencia. As comunidades de montes teñen intencións, pero non teñen medios. Eu é o que vexo, porque o padezo. Somos xente que funcionamos de xeito altruísta. Fai falta financiamento e compromiso, que haxa unha entidade que aborde o problema e axude de maneira comprometida.