«Este inverno imos sentarnos e definir un estilo claro e concreto»

O combo de música mestiza de Banda Crebinsky, gañador do premio Martín Códax nesa categoría, actúa mañá no Náutico


O Grove / La Voz

Naceron no 2010 como unha pequena orquestra popular xurdida do universo imaginario da película Crebinsky. As súas principais influencias proviñan da música balcánica se ven a súa sonoridade foise abrindo a moitas outras latitudes e idiomas. Son o grupo galego que máis premios Martín Códax ten gañado, tres. O último este mesmo ano, na categoría de mestizaxe.

-Concordan con esa categoría?

-Si. Mestizaxe, músicas do mundo... Nesa onda andamos.

-Onde sitúan as súas principais referencias?

-Ao principio falábase de nós como un grupo de música balcánica. Sobre todo polo tema da película e porque nos asociaban moito con Kusturica. Pero é evidente que hai moitas máis. A música árabe, a xudea, a dos Cárpatos, as músicas mediterráneas, a chansón francesa... É certo que non somos un grupo fácil de clasificar. Porque non somos pop, nin indie, nin rock nin nada diso.

-Iso axuda ou chega a ser un lastre?

-Axuda no sentido de que non tes límites a hora de compoñer. Pero é certo que o feito de ser tan dispersos despista un pouco. Este invernos temos intención de sentarnos, falar e definir un estilo claro e concreto. Non ser tanta amalgama. E a partir de aí faremos o novo disco.

-Tampouco se poñen cortapisas á hora de utilizar un idioma ou outro.

-Para nada. Iso foi así e seguramente seguirao sendo. Temos cantado en galego, en castelán, en francés, en inglés, en ruso... A cuestión do idioma nunca vai ser unha barrerira.

-A mestizaxe tivo o seu momento álxido en Galicia hai unha década e despois decau. Como se atopa agora?

-É certo que algo parou. Pero tamén pasou co folk. Son ciclos. E supoño que volverá. A mestizaxe nace de músicas con moita vida, con moita enerxía e con raíz. E iso nunca pasa de moda. Non é unha música que xurda paralela a certos modismos e que se agote con eles.

-É, dende logo, a de Banda Crebinsky unha música que onde adquire toda a súa dimensión é nos directos.

-Dende logo. De feito nós facemos os discos como un camiño para o directo.

-Este ano tocaron en varias ocasións fóra de Galicia. Cómo é recibida a súa proposta?

-Moi ben. A verdade é que estamos encantados. De feito expandirnos fóra de Galicia é agora o noso obxectivo principal.

-De momento, mañá no Náutico. Como abordan ese concerto?

-Pois con moitísima ilusión porque despois dunha década é a primeira vez que imos actuar alí, e é un dos sitios máis granados que temos en Galicia. Ademais o entorno é marabilloso. Pensamos que encaixa perfecto coa nosa música festiva.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Este inverno imos sentarnos e definir un estilo claro e concreto»