Marta Felpeto impartirá xustiza nos Xogos de Tokio

A catoirense foi elixida entre os 24 árbitros da cita olímpica do vindeiro ano


vilagarcía / la voz

Con Teresa Portela (K1 200) e con Rodrigo Germade e Carlos Arévalo (K4 500) debendo superar inda un selectivo nacional no 2020 para poder ocupar os dous barcos que veñen de clasificar para España nos Xogos Olímpicos de Tokio, Marta Felpeto acaba de ser confirmada como a primeira representante do piragüismo galego na gran cita nipona do ano que vén, na que será a súa estrea olímpica.

Natural de Vilalba, a desde o ano 2000 veciña de Catoira foi elixida pola Federación Internacional de Piragüismo como representante española na lista de 24 árbitros que deberán asegurar a limpeza e a xustiza da competición do deporte da pa na vindeira edición dos Xogos Olímpicos. No seu caso, formando coa británica Cathy Wynne e co xaponés Miki Bando o trío de xuíces de liña e meta. Isto é, os encargados, entre outros cometidos, de valorar en caso preciso unha foto finish que decante medallas; con hipotéticas decisións como a que o sábado pasado levou os xuíces de meta do Mundial de Esprint de Szeged a conceder dúas preseas de bronce, á danesa Jorgensen e a Teri Portela, ao calcar os mesmos segundos e milésimas na final A do K1 200. Felpeto auditaba a liña de saída.

A súa relación co durante moitos anos director técnico das Torres-Romaría Vikinga, Manuel Isorna, non só afincou a Marta Felpeto en Catoira. Tamén a introducíu no piragüismo. Curiosamente, non coma deportista. O que realmente lle chamou a atención foi o labor do xuíz. Un título que obtivo no 2000, acadando o grao internacional no 2005. Desde entón participou en todo tipo de grandes citas internacionais de esprint, desde Europeos a Mundiais, pasando por Xogos Olímpicos da Mocidade ou Xogos do Mediterráneo e Europeos. Este ano exerceu de xuíza na Copa do Mundo de Poznan e o inda presente Mundial de Szeged.

Con todo, a trascendencia da figura de Marta Felpeto vai moito máis aló. Membro do organigrama técnico da Real Federación Española de Piragüismo, primeira muller española integrante da directiva da Federación Europea desde marzo do 2015; hai dous anos pasou a ocupar un dos tres asentos do vello continente na xunta directiva da Federación Internacional, pouco despois de recibir a Insignia Olímpica do COE.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Marta Felpeto impartirá xustiza nos Xogos de Tokio