O C.X. Fontecarmoa marca outro fito co seu ascenso a Primeira

AROUSA

CEDIDA

Xadrez O vilagarcián remata o Campionato de España de Clubs de Segunda División empatado co campión, o Sestao, con Andrea Dorado peza decisiva

24 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A frase ‘O límite pono a imaxinación’ non é aplicable ao Club Xadrez Fontecarmoa. E non o é porque, sinxelamente, a imaxinación non figurou nunca na máquina de cálculo colectiva da que saíron os tres grandes resultados que fan do último lustro o máis brillante na historia da modesta entidade deportiva vilagarciá. «Hemos sido campeones de la División de Honor de la Liga Gallega (2014), que nunca lo habíamos pensado. Hemos sido campeones juveniles de España por equipos (2016, Benidorm), algo que nunca habíamos imaginado». E desde onte, subcampións en Linares (Xaén) da Segunda División do Campionato Absoluto de España por Equipos, co premio dunha das dúas prazas de ascenso para competir no 2020 entre os 16 mellores clubs do Estado na Primeira División, a máxima categoría. «Son los tres momentos cumbre del club. Ninguno de ellos lo teníamos pensado», declaraba onte inda nun evidente estado de estrañeza Julio Torrado. O que leva sendo o xefe de equipo do primeiro cadro de xogadores do C.X. Fontecarmoa desde o inicio da súa era dourada na presente década.

Na tarde do xoves o cadro arousán superaba 3-2 o Barcelona, coa única xadrecista muller do equipo, Andrea Dorado, estreando o seu casilleiro de triunfos na sexta rolda para conquistar o punto que desnivelaba o duelo, e lle permite ao C.X.F. xogarse na mañá do venres o segundo posto de ascenso a Primeira con outro rival catalán, o Mollet.

Lucas Abal comezou o último choque asinando pronto táboas con negras ante o Mestre FIDE Cristian Díaz, para ver como Andrea Dorado era a segunda en pechar a súa partida superando a Nuria Martín, desprazada polo seu club só para esta última rolda. O empate dáballe o segundo posto ao Fontecarmoa, pero inda así, o equipo acabaría gañando 3,5-1,5, e rematando empatado a puntos na xeral co gran favorito e campión da Segunda División, o Sestao.