Veloso escala ao posto 27 en Dinamarca tras a crono, e Sánchez báixase en Limousin

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Foi o trixésimo mellor tempo na contrarreloxio individual de 17 quilómetros 

23 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Gustavo César Veloso completou onte a segunda etapa da Volta a Dinamarca no primeiro cuarto do pelotón. Fíxoo co trixésimo mellor tempo na contrarreloxio individual de 17 quilómetros disputada con saída e con chegada na localidade de Grindsted, a 1 minuto e 1 segundo do gañador do día, o danés do BHS-Almeborg-Bornholm Martin Toft Madsen.

Mads Würtz Schmidt, da selección danesa, manténse líder da xeral logo de rematar o día a 11 segundos de Toft. Unha clasificación na que Veloso escala ata o vixésimo sétimo posto, a 53 segundos do primeiro e co mesmo tempo co seu compañeiro do W52-F.C. Porto Edgar Pinto. O esprinter Samuel Caldeira é o mellor colocado do equipo luso, decimosexto a 33 segundos.

Pola contra, as noticias para o ciclismo arousán procedentes do Tour de Limousin foron onte malas, toda vez que o cambadés do W52-F.C. Porto, Ángel Sánchez, non deu finalizado a segunda etapa da carreira gala.