O C.X. Fontecarmoa, colíder do Nacional a falta de dúas roldas

AROUSA

Cedida

Figura en posto de ascenso á máxima categoría logo de empatar co xigante Sestao, con Julio Suárez sacándolle táboas a un Top50 mundial

23 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é a primeira vez que o Club Xadrez Fontecarmoa coquetea co ascenso á máxima categoría do Campionato de España de Clubs. Pero quizais sexa esta a ocasión na que consiga o salto á Primeira División. Ao peche da presente edición o equipo vilagarcián disputaba en Linares a sexta e penúltima rolda fronte ao Barcelona. Un duelo que iniciaba con 4,5 puntos de 5 posibles, que lle valían o coliderado da Segunda División.

Logo de superar o C.D. Excalibur Albacete na terceira rolda, os xogadores do C.X. Fontecarmoa medíanse na tarde do mércores ao Ateneo Marítimo de Valencia. O resultado final, 4,5-0,5 para o conxunto arousán, agocha o sufrimento dos homes e compañeiros de Julio Torrado, que só comezaron a resolver con éxito cadansúa partida tras o único triunfo claro da tarde, o que Lucas Abal colleitaba ante Pablo García na mesa 4. Andrea Dorado asinaba táboas por indicación do equipo fronte a Cora Castellet nun choque con boas perspectivas, pero que semellaba comezar a írselle das mans. A partir de aí, Héctor Láiz superaba os seus apuros de tempo tras avanzar nunha complicada posición cunha serie de precisas xogadas que desmontaron o seu rival, Rosendo Barberá. Roi Reinaldo dobregou logo a Víctor García, e Julio Suárez a un Mestre Internacional coma el, Pablo Cruz, co que mantivo un continuo toma e daca.

Na mañá de onte o C.X.F. xogou contra o gran favorito ao título, o Sestao, os únicos dous equipos que chegaban á quinta rolda con pleno de vitorias. O deseño do enfrontamento saíulle ao equipo vilagarcián case perfecto. Julio Suárez e Roi Reinaldo asinaron táboas nos dous primeiros taboleiros, este último ante todo un campión de España como Gabriel del Río; Suárez, nada menos que fronte ao británico Gawain Jones, un dos 50 mellores xadrecistas do mundo nestes momentos, e estrela da cita de Linares, cunha sólida posición que non lle deu pé ao seu rival a desequilibrar o duelo.

Andrea Dorado tivo na súa man a vitoria ante Cristina Sosa, pero rematou caendo coa Mestra FIDE, derrota compensada polo triunfo de Lucas Abal sobre Sergio Trigo; mentres Héctor Láiz repartíase o punto restante cun Jesús Iruzubieta ao que tivo preto do xaque mate boa parte da partida, para rematar escapándoselle vivo.