A muller que confía en facturar un barco para os Xogos de Tokio

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

A grovense Natalia García ultima estes días en Madrid xunto coas súas compañeiras do K4 o asalto á praza olímpica en lid no Mundial da vindeira semana

15 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro de sete días Natalia García Naveiro (O Grove, 16 de xaneiro de 1994) iniciará en Szeged, Hungría, o maior reto deportivo nos seus dez anos de piragüista. O día 22, nunha das tres series eliminatorias do programa do K4 Feminino do Campionato do Mundo de Esprint, a padexeira do Breogán empezará a pelexar por transformar media vida de traballo e catro escasos meses de acoplamento e evolución do barco que comparte coa asturiana Sara Ouzande, coa ceutí Isabel Contreras e mais coa vasca Begoña Lazcano nun posto que lle outorgue a España unha das dez prazas de acceso aos Xogos Olímpicos de Tokio 2020. O Obxectivo pasa por acceder á final do domingo 25, ás 13.11 minutos hora húngara.

Falamos con Natalia García onte ao mediodía, coa grovense na furgoneta que trasladaba a tripulación do K4 desde o encoro de Picadas á Residencia Blume en Madrid. Unha incómoda viaxe de tres cuartos de hora convertida en rutina na derradeira semana de preparación mundialista, logo doutras dúas de concentración no balneario galego de Laias xunto co K2 1.000 de Francisco Cubelos e de Íñigo Peña, e co K-1 200 de Carlos Garrote; os tres, como as mulleres do K4, adestradas por Luis Brasero baixo a premisa de traballar por unha pasaxe en primeira a Tokio o vindeiro ano.

Concentradas na resistencia

«Nestas últimas semanas centrámonos en reducir a fatiga, en que cada unha de nós busque o seu mellor estado de forma», comenta Natalia, que ocupa a segunda posición do kayak tras Ouzande, a marca. A chegada da meca a un K4 estable durante os dous anos anteriores, relevando a mallorquina Alicia Heredia á forza do seu mellor rendemento no selectivo de comezos de abril, xerou a obriga dun certo reseteo no equipo. E «a pesar de non ter case tempo para montar o barco», di a arousá, «creo que melloramos moito. Sobre todo, en buscar a nosa propia carreira, a que nos permita exprimir máis o rendemento de cada unha de nós. Temos xa moi estruturado o que temos que facer para sacar o mellor de nós».

Un proceso este que parte dunha análise das fortalezas e das fraquezas coas que saíu o novo K4 tras o selectivo de abril: «Non somos unha tripulación moi pesada. A nosa media por persoa é duns 60 quilos, cando a habitual rolda os 70», de aí que, sinala García, «podemos saír rápido, e ser rápidas». O problema das pupilas de Luis Brasero ata agora era manter o pico de velocidade de partida o suficiente para chegar enteiras a eses derradeiros 100-150 metros onde se deciden as cousas importantes. E neste punto, Natalia opina que «agora xa podemos exprimir o barco». Non ata o punto de pensar no podio, pero si para afirmar: «Creo que podemos estar na final A do Mundial».

Primeiras na final B da Copa do Mundo de Duisburgo, o 1 de xuño, e novenas e últimas na final A dos Xogos Europeos ese mesmo mes; a velocidade de acoplamento do K4 con Natalia foi a bo seguro maior en tanto a arousá compartira xa con Sara Ouzande e con Begoña Lazcano barco e ubicación no K4 500 español que no 2016 gañara a prata no Mundial Sub-23 en Bielorrusia. «Xa son moitos anos de relación. Máis aló de compañeiras, somos amigas», conta a meca.

As integrantes do K4 voarán a Hungría o domingo. No Mundial, Teri Portela (K1 200) encabezará a armada española, que contará con outros tres arousáns, nos seus casos, en probas fóra do programa olímpico: Camila Morison (K2 1.000), Iago Monteagudo (K4 1.000) e Tono Campos (C1 5.000).