Ángel Sánchez disputa desde hoxe a Volta a Burgos tras facerse ver en China

La Voz

AROUSA

MARTINA MISER

O corredor cambadés do W52-F.C. Porto rodará durante cinco días nun pelotón con catro escadras World Tour, Movistar, Dimension Data, Ineos ou UAE Team Emirates

13 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre os compañeiros que o domingo compartiron a ledicia de João Rodrigues e mais de Gustavo César Veloso nas rúas de Porto figuraba Ángel Sánchez Rebollido. O corredor cambadés do W52-F.C. Porto non puido completar porén as celebracións da escadra lusa, ao cruzar onte a fronteira con España para disputar, desde hoxe e ata o sábado, a Vuelta a Burgos.

Sánchez figura desta volta nun equipo encabezado polo vencedor da Volta a Portugal 2016, Rui Vinhas, e completado por Joaquim Silva, Rafa Reis, Tiago Ferreira e Cesar Fonte. Por diante, 788 quilómetros divididos en cinco etapas nas que haberá que coroar once portos, nove de terceira categoría, e dous, o Picón Blanco na terceira xornada, e Lagunas de Neila, na quinta e derradeira, de categoría especial. Unha cita de nivel, como queda reflectica no listado de escadras participantes, cos World Tour Movistar, Dimension Data, Ineos e UAE Team Emirates como claros favoritos a ver un dos seus ciclistas no alto do podio no final de Ciudad Romana de Clunia. Once equipos continentais profesionais, entre eles o W52-F.C. Porto, e tres continentais completan a participación.

Ángel Sánchez chega moi motivado á Volta a Burgos. E iso, despois de facerse ver na súa recente actuación no Tour of Qinghai Lake. Unha rolda de trece etapas disputada na provincia chinesa do mesmo nome na segunda quincena do mes de xullo. Con nove primeiras xornadas marcadas por un trazado montañoso, e catro últimas, tras un día de descanso, pensadas para os rodadores e velocistas. Nesta última parte do Tour of Quinghai Lake o cambadés do W52-F.C. Porto participou en dúas fuxidas que morreron a menos de 20 quilómetros da meta. Sánchez volverá a China en setembro para correr tres carreiras ao longo do mes.