Un festival bravo e nobre, como as xentes e a terra da que xurdiu

La Voz

AROUSA

MARTINA MISER

Trinta grupos soarán deica o domingo no festival que recende a salitre e sardiñas

09 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na terra das revenidas non podían facer un festival como outro calquera. Sendo terra de xentes bravas e nobres como é Vilaxoán, o festival tiña de ser capaz de reflectir esa condición. E abofé que o consegue. O Revenidas non se entendería sen Vilaxoán e, dende hai uns anos a esta parte, tampouco este recuncho do mar de Arousa se entendería de todo sen o seu festival.

A pesar da dimensión acadada nas últimas edicións o Revenidas non esquece a súa esencia de festa do pobo. Esencia que terá mañá ao mediodía o seu máis fiel reflexo na popular e multitudinaria sardiñada. Esa da que xurdiu o festival e da que tomou o seu nome. Será no parque de Dona Cocha. No mesmo no que pola tarde terá lugar a gala de circo solidaria pro refuxiadas, que este ano terá absoluto protagonismo feminino, coa presenza de Isa Risco, Pajarito, Patty Diphusa, Mireia, Desastronauts e a música de Brassica Rapa.

No recinto de pago sucederanse tres días de concertos con 25 grupos. Imponse o punk rock, o metal e a mestizaxe pero tamén hai lugar para o hip hop e mesmo a canción de autor.

A presenza feminina e a de grupos galegos marcan os sinais de identidade desta edición do Revenidas á que nin siquera o mal tempo arreda. Será por carpas!