Veloso zafa dunha caída múltiple a dous quilómetros da meta

AROUSA

Pdium / Paulo Maria (Cedida)

O seu compañeiro Samuel Caldeira continúa líder pese a ser un dos afectados

02 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira etapa en liña da Volta a Portugal encamiñábase cara ao seu previsible desenlace. Os dous últimos supervivintes da fuxida do día, Mathias Reutmann (Swiss Racing Academy) e Gaspar Gonçalves (Miranda-Mortágua) corrían a 3 quilómetros da liña de meta de Leiría a mesma sorte que os outros dous homes que os acompañaran a maior parte dos 167 quilómetros de aventura, David Ribeiro (LA Aluminios-LA Sports) e Peio Goikotxea (Euskadi-Murias). A súa rebelión, fraguada no quilómetro 5 de carreira, con 12 minutos de vantaxe sobre o pelotón no seu momento de máximo esplendor entre un porto de primeira, dous de cuarta e outro de segunda, víñase abaixo pola forza da locomotora que comezou a acelerar o W52-F.C. Porto de Gustavo César Veloso e o seu compañeiro e líder, o esprínter Samuel Caldeira. Encamiñábase o grupo, xa compacto, cara un final para velocistas cando, a 2 quilómetros da chegada, un contacto cunha valla de protección levou ao chan a Caldeira, e a boa parte do Efapel; a gran alternativa á tiranía do W52-F.C. Porto nesta Volta a Portugal, co seu líder, Jóni Brandão, tamén afectado.

A norma dos últimos 3 quilómetros, que pica o mesmo tempo do pelotón en chegadas masivas para os ciclistas con calquera percance nese derradeiro treito, permitíulle a Caldeira conservar o xersei amarelo. Consolo para quen víu esfumarse unha das contadas opcións de volver sumar unha vitoria de etapa na Grandíssima, con triunfo onte do italiano do Amore & Vita David Appolonio, un palmo por diante de Daniel Mestre, o outro velocista do W52-F.C. Porto.

Haberá que ver se o accidente tivo ou non consecuencias físicas nos homes do Efapel e en Caldeira, con Veloso arrincando de novo terceiro co mesmo tempo co seu compañeiro a segunda etapa, unha rompepernas de 198,5 quilómetros entre Marinha Grande e Loures, con final no alto de 4ª. categoría de Santo Antonio dos Cavaleiros.