«Nunha praia como A Lanzada hai máis sustos en terra que no mar»

Rosa Estévez
r. estévez O GROVE / LA VOZ

AROUSA

cedida

Manter baixo control as praias é todo un reto, sobre todo cando non hai persoal abondo para facer esa tarefa

28 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Elaborar as quendas de traballo do persoal de salvamento en praias do Grove é un quebracabezas no que José Antonio Álvarez inviste moito tempo. É o malo de ter que facer as cousas con xente de menos. No caso do Grove, o Concello dispón da metade do persoal preciso para abrir todos os postos de socorrismo que ata hai uns anos daban servizo. Así que agora os esforzos concéntranse en manter aberta A Lanzada e en activo a lancha. E, a partir de aí, ampliar cando se pode, atendendo a criterios de perigosidade e aforo.

-A falta de socorristas estase a converter nun problema repetido todos os veráns. Que pasou para que se desa esta situación?

-Desde que cambiaron a lexislación a situación empeorou. Estás obrigando á xente a facer un ciclo para traballar canto, tres ou catro meses ao ano? A Xunta está rebentando o servizo de salvamento en praias de Galicia. Aquí temos que cubrir non só a costa, senón tamén praias fluviais e outros espazos, e iso fai preciso xente. E non a hai, o que hai son postos de salvamento pechados. Sacando Vilagarcía, que entre que ten poucas praias e que conseguiu un curso homologado non ten problemas, o resto dos concellos de Galicia non cubrimos prazas.

-Hai solución?

-A solución é fácil. Eliminar ese ciclo imposto, que é absurdo, e promover cursos de tres ou catro meses, como os había antes. Hai que pensar na realidade. Quen son os socorristas? Son rapaces novos. Eu levo tempo nisto, non hai socorristas de máis de trinta e poucos anos, porque cando a xente atopa un traballo estable deixa isto. Antes eu tiña unha media de 15 rapaces do Grove, agora como moito hai tres. E a quen lle vai compensar vir ao Grove, pagando transporte diario ou pagando un piso aquí, por 1.200 euros ao mes? Esa é a realidade. E mentres a Xunta non modifique o que está facendo todos os concellos estaremos fastidiados, e isto aínda vai ir a peor. E cando pasan as cousas, a quen se lle bota a culpa?

-Baixemos á area da Lanzada. Cales son os principais problemas cos que se atopan alí?

-Os nosos principais problemas na Lanzada son cos surfistas e co tema dos cans. Cos surfistas cada vez menos, porque temos zonas delimitadas e, ademais, cando hai moita xente na praia é porque non se dan as condicións para eles. Iso si, cando hai bandeira vermella é máis habitual que teñamos que chamarlles a atención para que non se metan. E logo están os donos dos cans que intentan ir á praia con eles, e non entenden que non pode ser. Na Lanzada cría a píllara, unha ave protexida, e hai carteis por todos os lados indicando que non se pode entrar con cans, pero aínda así hai quen intenta coarse. Temos que chamarlles a atención e hai quen non o entende e a quen non lle gusta.

-Dende hai uns anos están de moda os flotadores enormes... Danlles moito traballo?

-Ás veces parecen iates... Na Lanzada con ese tema non temos moitos problemas. As características da praia non acompañan para utilizalos. Pero nas praias da zona norte si que acostumamos ter problemas dese tipo, porque o vento e as correntes lévanos para fóra e hai que ir buscalos. Hai de todo, pero adoitan ser rapaces que se confían. Os sustos normalmente son grandes, e a xente despois anda con máis coidado.

-O mar da Lanzada ten fama de perigoso...

-Francamente, na Lanzada nós temos máis sustos en terra ca no mar. É moi raro que haxa afogamentos, quizais porque a xente xa vai máis precavida e, debido a que a auga está fría, non todo o mundo se baña. Na area, porén, hai miles de persoas. Nós, no posto central, temos dous socorristas controlando, un o mar e outro a area. Esta semana levamos xa un ataque epiléptico e un ictus. Tamén está o feito de que A Lanzada é unha praia moi grande, ten moita xente, e é moi fácil que as persoas se desorienten. É moi normal que cativos e persoas maiores se desorienten e se perdan, aínda que dende o verán pasado temos un sistema de pulseiras nas que se escribe o número de teléfono, que está a funcionar moi ben.