Meaño celebra a súa festa máis labrega

elisa pérez / m. a.

AROUSA

monica ferreiros

A tradición agrícola, a música folk e os produtos autóctonos conflúen, dende hai 17 anos, nunha feira que reúne a veciños e visitantes

28 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A localidade de Meaño acolle hoxe unha das súas citas estivais máis importantes. A Festa dos Muíños leva 17 anos reunindo a veciños da comarca e visitantes que se achegan á zona para gozar do folclore e da paisaxe campestre.

O almorzo popular terá lugar, como en anos anteriores, na área recreativa do muíño do Ferreiro en Lores. Ás 14.30 horas, un total de 350 comensais degustarán un menú composto por polbo á feira, carne ao caldeiro, doces e viños galegos, coa música do grupo Trío Dixital de fondo, que se encargará de animar a festa.

A mostra labrega realizarase na senda do río da Chanca, no tramo que se atopa entre o muíño do Ferreiro e o muíño do Crego. Os postos abriranse a partir das once da mañá, e estarán abertos ao público ata a derradeira hora da tarde. Neles mostraranse artigos feitos a man, así como alimentos artesanais e outros produtos agrícolas que poderán ser mercados polos presentes.

Durante a mañá e a tarde, a música non deixará de soar. A agrupación folclórica Retesías percorrerá a mostra e fará unha actuación, ás 12.30 horas, na área do muíño do Ferreiro, preto do recinto do almorzo. Ás 18 horas, a banda folk Carapaus realizará un concerto gratuíto. O toque final darao Trío Dixital, que actuará para pechar a feira.