A Carreira Nocturna de Vilagarcía entra no Depo Desafío

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

OSCAR VíFER

25 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Vilagarcía acolle este sábado unha nova edición, e xa van dezaseis, da súa Carreira Nocturna. Desta volta, a proba chega cunha novidade, xa que é unha das cinco que dan forma ao Depo Desafío, una iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra para «contribuír a popularizar as probas deportivas, ao tempo que se da a coñecer as extraordinarias paraxes e vilas onde se desenvolven, e se conciencia á poboación sobre a práctica do deporte popular no medio natural dunha maneira respectuosa, sustentable e responsable». Para participar neste desafío, no que so entran as categorías absolutas tanto feminina como masculina, e para formar parte da clasificación final, as persoas deben ter acadado puntuación en catro das cinco probas que compoñen o calendario. Ao igual que o ano pasado, a persoa que gañe o Depo Desafío recibirá como premio un dorsal para participar na maratón de Berlín, co billete de avión e o hotel xa pagos.

Pero volvamos á Carreira Nocturna de Vilagarcía, que este ano amplía o número posible de participantes ata os cincocentos. A proba arrincará o sábado, ás nove da noite, coas carreiras dos máis pequenos. Os participantes na carreira absoluta partirán da liña de saída arredor das dez e media da noite, cubrindo un percorrido de arredo de dez quilómetros. É un circuíto circular que deberán percorrer tres veces e que discorre por Avenida da Mariña, Rivero de Aguilar, Valle Inclán, García Caamaño, Alexandre Bóveda e Elpido Villaverde.

O punto de partida desta proba será o entorno do parque Miguel Hernández, e as inscricións para participar na carreira absoluta pecharase hoxe, ás 23.59 horas. Pódense formalizar a través da páxina web da Deputación de Pontevedra. As inscricións para as categorías de nenos poden facerse nas oficinas da Fundación dende as nove da mañá do venres e ata corenta e cinco minutos antes de que comecen as carreiras na secretaría da proba.

Coma sempre, haberá agasallos para todos as persoas participantes.