Toño Lema dimite e os seus directivos constitúense en xestora do Xuven

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O club reduce a uns 15.000 euros a débeda no primeiro ano post LEB Prata, pese a aflorar outros 7.000 máis dos informados polo xa expresidente no verán do 2018

24 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O fin de ciclo vivido un ano atrás no Xuven Cambados coa súa despedida das competicións FEB e o punto final a un lustro na LEB Prata vén de vivir este mes o seu epílogo. O pasado día 3 Toño Lema presentaba a súa dimisión como presidente da entidade, un ano antes da conclusión do seu mandato e tras tres no cargo.

Lema, que accedera ao posto no verán do 2016 tras vencer nun proceso electoral o actual adestrador do primeiro equipo cambadés, Miguel Sineiro, aducíu problemas de saúde na súa marcha dun cargo no que sucedera a Jorge Castiñeiras, do que fora vicepresidente. Cun proxecto continuísta, e cun modelo de xestión marcadamente presidencialista, Lema pasou de encabezar na súa primeira campaña á fronte do despacho do Pombal a mellor tempada na historia da entidade, cun segundo posto na fase regular e o equipo dirixido por Manu Santos pelexando case ata a derradeira xornada polo ascenso directo á LEB Ouro, ao fiasco do curso de Chiqui Barros, culminado co descenso deportivo á EBA e un defecto na presentación do aval federativo que rematou co Xuven descendido de golpe á Primeira Autonómica. Todo, co club sumido nunha grave crise económica, cunha débeda consolidada que o presidente cifrou en 34.000 euros ao termo da campaña 2017/18 entre fortes críticas a Lema de varios socios pola súa falta de transparencia.

O pasado venres concluía o prazo de dúas semanas aberto para a presentación de candidaturas a suplir a Toño Lema, a efectos reais afastado da xestión do club na última tempada. Julia Cacabelos, Begoña Casais, Elisabeth, Maribel Oubiña e Manu Felpeto, cinco dos seis directivos cos que contaba o presidente dimisionario, asumiron ese día as rendas do Xuven Cambados por unha tempada ante a ausencia dun socio disposto a coller o relevo. O sexto, Miguel Carballa, sigue como colaborador da entidade, cos membros da xestora animando a calquera socio a sumarse a traballar na medida das súas posibilidades.

Previo ao inicio do infrutuoso proceso electoral, nunha asemblea seis días antes da dimisión de Lema, os futuros integrantes da xestora espiron as contas do club. Un ano despois do traumático adeus á LEB Prata informaron de que a débeda real do Xuven quedara reducida a uns 34.000 euros aos que lles hai que restar os arredor de 20.000 euros pendentes de ingresar pola liquidación coa Federación e as subvencións da Deputación e do Concello. Un ano antes Lema comunicara unha débeda neta de 34.000. Cantidade esta á que lle houbo que sumar finalmente outros arredor de 7.000 euros de impagos non rexistrados daquela polo xa expresidente e que o club foi asumindo nesta última tempada a medida que foron emerxendo.

A xestora anunciou a súa intención de darlle continuidade a un proxecto deportivo centrado na base, e nun primeiro equipo con mozos da canteira dirixidos por Sineiro para os que se volverá pedir praza na 1º. Autonómica tras o descenso a pasada primavera.