Carlos Blanco e Touriñán estrean na Illa «Unha noite na praia»

elisa pérez / s. g.

AROUSA

MARTINA MISER

O programa O Mar nunha Flor arrinca hoxe por todo o alto coa comedia que dirixe o grovense Javier Veiga

04 ago 2019 . Actualizado a las 21:41 h.

Do 5 ao 10 de agosto • A Illa Todos os que visitan A Illa descobren que a paisaxe e a cultura mariñeiras son os seus principais distintivos. E o Concello da vila arousá sábeo. Por iso, dende hai cinco anos, leva a cabo un ciclo musical en verán, con ánimo de fomentar a actividade cultural nunha localidade de cinco mil habitantes e achegar a música de artistas galegos e foráneos a veciños e visitantes. 

Do 5 ao 10 de agosto, A Illa poderá gozar por quinta vez dunha ampla e variada programación cultural para toda a familia, que reunirá a actores e músicos recoñecidos nas súas respectivas áreas. O Mar nunha Flor, frase moi empregada polos traballadores do mar, que «define a Arousa moi ben», segundo o humorista Carlos Blanco, comezará o luns 5 coa estrea, ás 21 horas, de «Unha noite na praia», comedia teatral dirixida por Javier Veiga e protagonizada por Xosé Touriñán e Carlos Blanco. A obra repetirase o martes, logo da actuación de contacontos do artista Luís Vallecido. O mércores 7 actuarán Paco Nogueiras e o grupo Andhrea & The Black Cats, e o día 8 estará a Caixiña de Mixtos para proxectar cine infantil. Os protagonistas do venres serán o compositor Pakolas e a actriz María Costas, que realizará un curso de iniciación ao canto na praza do Concello. O sábado será un día especial, pois terá lugar no auditorio unha homenaxe ao cantautor portugués Zeca Afonso, coa participación de António Zambujo, Quiné ou João Gentil, entre outros.