Blas Charlín, novo coordinador da academia mexicana do Celta

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

ADRIÁN BAÚLDE

Tras situar o centro de Brasov no sétimo posto do ránking de Romanía, o arousán xestionará a xoia da coroa da estrutura internacional da canteira do club vigués

21 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha tempada máis, e xa van seis, a familia e os moitos amigos que Blas Charlín mantén no seu Cambados natal deberán contentarse con saber del a través do correo electrónico, do whatssapp, ou por videoconferencia. E a bo seguro quen non saiba xa o porqué non tardará en poñerse en contacto con el para felicitalo, e trasladarlle a súa alegría polo ben que lle van as cousas a un home do balompé precedido tanto pola sona do seu bo facer profesional, como da súa bonhomía. A mestura de ambas calidades, unidas á súa paixón polo fútbol, reflectíronse no sobresaínte traballo realizado polo arousán durante o último curso a frónte da academia do Celta de Vigo en Brasov, Romanía. Un labor que lle valeu a oferta do club vigués para asumir a partir de mediados de agosto o mesmo cometido, o de coordinador, da súa academia en Campeche. A localidade mexicana na que o presidente céltico, Carlos Mouriño, cimentou o seu emporio empresarial tras emigrar a América, e na que hai seis anos abríu unha academia de formación convertida na xoia da coroa da estrutura de canteira que está a construír o Celta fóra de España.

«Trátase da mellor academia de fútbol da península do Yucatán, e organiza un dos mellores torneos de fútbol base de México, a Copa Celta», ubícanos Blas Charlín sobre o seu novo destino. Un ascenso dentro do organigrama do fútbol base do Celta onde, como en Romanía, traballará na progresión de arredor duns 300 futbolistas entre os 6 e os 18 anos.

Viraxe de 10.000 quilómetros

«Considérome un afortunado. Por continuar vivindo do que me gusta, o fútbol. E porque o Celta conte comigo para liderar un dos seus proxectos importantes», di o técnico arousán, quen entende o salto a Campeche como unha nova oportunidade para «seguir aprendendo a nivel de xestión deportiva» logo dunha experiencia do máis satisfactoria en Brasov.

Charlín repasa a súa tempada en Romanía, vía de entrada na estrutura do Celta, sinalando que «tiven que adaptarme rápido a novas competicións, a novos métodos, a un idioma novo...», pero tamén o moito que gañou, tanto a nivel profesional, como persoal. Mesmo máis aló dese sétimo posto no ránking nacional de academias 2018/19 co que o puntuou o estudo da Federación Romanesa de Fútbol ao termo da tempada, «a moi pouca distancia das academias do Steaua, do Dinamo de Bucarest ou da de Gica Hagi, que multiplican o noso presuposto», apunta o cambadés, que esta semana colaborou no campus de verán da Fundación Celta de Vigo en Vilagarcía.

O paso por Brasov permitíulle a Charlín gozar ademais da súa outra gran paixón, á par do fútbol. Viaxar. «Un dos xogadores da nosa academia», lembra, «foi unha semana a proba ao Bolonia, e acompañeino. Puiden coñecer a metodoloxía dun equipo da elite de Italia. No parón invernal, en febreiro, fixemos unha pretempada dun mes en Bulgaria con todos os rapaces. E este ano coñecín desde dentro o funcionamento da Intercontinental Cup, o torneo que organiza Míchel Salgado en Dubai. Unha das miñas novas responsabilidades será tentar facer crecer a Copa Celta de Campeche».

Desbotou China e Dubai

Blas Charlín é consciente de que asume a dirección da primeira e máis querida academia impulsada pola directiva de Carlos Mouriño no exterior, aberta hai seis anos.

O reto do técnico arousán é, declara, «converter a Academia de Campeche nunha das mellores de México. Ser cada día máis competitivos, un centro de referencia, formando tamén en valores. Deixar o nome do Celta nun listón alto. Seguir o lema da academia: `Formar jóvenes campechanos competitivos’». Unha nova aventura profesional, e vital -«Teño moitas ganas de coñecer México»-, que levou a Blas a desbotar outras ofertas que recibira nos últimos meses para traballar en centros de primeiro nivel de China e de Dubai.