Os amigos do Grove que lle escribiron unha canción a «O Chirimbolo»

elisa pérez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MIGUEL MUNIZ DOMINGUEZ

O grupo, formado por varios músicos profesionais e outros afeccionados, gusta das versións dos 80 cun punto de humor

07 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Comezaron tocando en pequenas tabernas do Grove e lograron percorrer a bisbarra coas súas versións «peculiares» de cancións do pop español dos felices oitenta. Catorce amigos unidos pola paixón musical forman A Banda do Sequío, que cumpre catro anos actuando en diferentes eventos estivais e que xa pode presumir, ademais, de ter un disco propio, Festa Rachada.

Cando se formou este equipo, a intención inicial de Carlos Oubiña, un dos seus integrantes, era realizar adaptacións de clásicos galegos como a coñecida peza do cantautor Luis Emilio Batallán, Quen puidera namorala. Mais o grupo grovense tamén decidiu aventurarse con cancións populares da España dos anos oitenta, como o coñecidísimo 20 de abril de Celtas Cortos. Hoxe enchen locais e amenizan algunhas das festas máis importantes do Salnés. Dende o 2016, teñen o seu espazo reservado na multitudinaria Festa do Marisco do Grove, ademais de tocar noutras feiras gastronómicas como a da Lamprea de Arbo ou nas sesións vermú que tan de moda se teñen posto.

Aínda que o seu repertorio está principalmente formado por versións de cancións clásicas, A Banda do Sequío conta cun tema propio, O Chirimbolo. «Temos previsto compor outro tema nese plan pegadizo e divertido a mediados de novembro, mais todo depende da disponibilidade que teñamos», di Oubiña. E é que a formación está composta por afeccionados e profesionais do sector con outras ocupacións, polo que o tempo do que dispoñen para ensaiar e para actuar en festas e inauguracións é limitado. Pero as ganas por pasalo ben facendo bailar e rir ó público superan moitas veces ó cansancio diario. «Son momentos de desfrute nos que desconectas cos compañeiros, e ás veces non che importa seguir sen durmir».

Tanto adultos como pequenos gozan do humor que desprende a formación grovense a través da súa música. A boa acollida que tivo o seu álbume, publicado en xuño do ano pasado, anima ao grupo a seguir versionando temas ao seu estilo. O tamén membro da orquestra Panorama, Carlos Oubiña, insiste no desexo da banda de continuar interpretando cancións tradicionais galegas, coas que comezaron a entreter ó público dos bares do Grove. «Eu aposto e loito por que as raíces da banda sexan esas, non queremos deixar de lado o fin polo que se formou o grupo, que eran os cantos de taberna».

A próxima gran parada musical da banda é na Festa do Marisco, na casa. Alí, tras un longo verán, chegarán o 8 de outubro.