Un verán diferente na Lanzada para máis de dous mil nenos

b. c.

AROUSA

MARTINA MISER

As estancias xa empezaron e organízanse en quendas semanais, ata o 7 setembro

25 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Volve a diversión á Lanzada. Este domingo arrincou unha nova tempada de DepoAventura, o programa de campamentos da Deputación de Pontevedra que permitirá pasar unha semana de vacacións a 2.200 nenos de entre 8 e 13 anos da provincia, en once quendas.

Os campamentos celébranse nun lugar privilexiado, no Centro de Vacacións da Lanzada ( O Grove), unhas instalacións da Deputación situadas en plena natureza, co espectacular areal da Lanzada de fondo, onde poderán xogar, nadar e gozar de días de praia.

A primeira quenda, do 23 e o 29 de xuño, conta con 200 participantes que xa empezaron a súa aventura estival a carón do mar e dos piñeiros. Durante unha semana os rapaces terán á súa disposición actividades de convivencia, náuticas, medioambientais, algunhas en lingua inglesa, co obxectivo de contribuír ao seu enriquecemento persoal e facilitarlles coñecer outros lugares e experiencias fóra da súa contorna habitual.

Igualdade

Como principal novidade para este verán, «o goberno de Carmela Silva vai espallar durante DepoAventura A Lanzada os principios da igualdade», segundo explican desde o organismo provincial. En concreto, daráselle visibilidade ás mulleres dos ámbitos profesionais máis asociados aos homes, co obxecto de pór en valor o papel daquelas que lograron e logran fitos importantes nestes campos.

Do mesmo xeito, tamén se prestará especial atención ao uso da linguaxe, actitudes ou músicas non sexistas nin discriminatorias. Durante a semana do campamento, os mozos aloxaranse en tendas de campaña e contarán cun réxime de manutención de pensión completa, os materiais necesarios para as actividades, un equipo técnico especializado en animación sociocultural dirixido por Golfiño Xestión de Ocio SL, atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.

As quendas que están por vir, distribúense do seguinte xeito: do 30 de xuño ao 6 de xullo, do 7 ao 13 de xullo, do 14 ao 20 de xullo, do 21 ao 27 de xullo, do 28 de xullo ao 3 de agosto e do 1 ao 7 de setembro.

En total, serán 2.200 os nenos que participarán en DepoAventura A Lanzada, dos cales 315 beneficiaranse das prazas gratuítas que se reservaron aquelas familias que se atopan en situación ou risco de exclusión social.