«Un cura tirouse ao mar a axudarnos cando unha ola nos volcou o bote»

s. serantes VIVEIRO / LA VOZ

AROUSA

PEPA LOSADA

«Se foran ao Gran Sol, ninguén diría que o peixe é caro», suliña Antón Teixeira

22 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Gústalle tanto «a vida do mar» que a mes e medio de cumprir 82 anos vai en bote aos calamares na ría de Viveiro, «e mira que me berran na casa, pero estou contento alí, pásoo ben». Mariñeiro xubilado fai case trinta anos, Antón Teixeira Batista é o último con vida dos nove superviventes do Todos los Santos, un boniteiro no que morreron cinco homes na galerna de 1961. Aquel temporal «brutal» do 12 de xullo botou a pique a vinte barcos no Cantábrico, tres de Celeiro e un de Espasante, e levouse a oitenta homes, trinta celeireses e dos arredores dese porto de Viveiro.

Na confraría, no local de xubilados, ao lado do Monumento ao Náufrago, polas vítimas daquela traxedia e polos falecidos no mar, lembra cando empezou de boteiro con catorce anos na praia de Celeiro. Pouco tardou en embarcar, «na lancha de José Hilario, ao chicharro». Tamén, entre outros moitos, nun vapor de Celeiro, o Marité, «embestido por un mercante que non se foi do noso costado ata que veu o día, partiunos a vara do bonito, pero non pasou nada».

Tiña 23 anos cando viviu o naufraxio do Todos los Santos. «Marcoume a vida para sempre, pecho os ollos e vexo todo, non se me esquece nada. Xa viñamos para terra, catro ou cinco barquiños de madeira duns dezaoito metros de eslora e cun golpe de mar o noso quedou quilla arriba, rompeu a ponte...». Polo miúdo, fala daquela tarde, dos seus compañeiros, dos seus descendentes e reflexiona: «Pasei outras galernas parecidas a esa, pero en barcos de trinta metros e de ferro, e non había problema».

Menos coñecido é outro «susto» que Antón superou uns anos despois, en Ondárroa, pescando anchoa no San Cándido. Mandados polo patrón, el e outro mariñeiro achegábanse a terra nun bote, a coller pedras para lanzarlle ao peixe e impedir que se escapara da rede. «Íamos vogando, unha ola volcou o bote e quedamos debaixo, eu enganchado ao tolete polo cinto». Ao pé dun colexio e do cuartel da Garda Civil, desde a costa «un home tirouse ao mar, doulle á volta ao bote e axudounos. Era un cura, pódesme crer». Escolares e garda civil asistían ao rescate. «‘Ustedes no tienen pinta de contrabandistas’, díxonos o capitán da Garda Civil, que era de Sarria». O clérigo levounos a súa casa, «dounos roupa e queríamos levar ao San Cándido, pero cando volvemos á praia o bote xa estaba achicado e os pícaros aguantando del».

Noruega, Canadá, Xapón...

Tamén probou na mariña mercante, «durante dous anos e pico, cando tiña entre 35 e 40 anos, naveguei por Noruega, en tres barcos: un mixto, un petroleiro pequeno de 14.000 toneladas e nun graneleiro de 20.000 toneladas a Canadá, Xapón...».

«Cambiou moito a pesca, os barcos, a forma de pescar, e nin así a xente nova vai ao mar, escápalle, pero aínda hai quen ten interese polo mar; por exemplo, o meu neto Bruno, patrón de altura», mentres o outro, Brais, «está nos eólicos, na India, onde hai unha pobreza moi grande».

O fillo de Antón tamén seguiu os seus pasos na pesca, «pero tivo que retirarse por problemas do corazón, traballa na lonxa de Celeiro». Se fora mozo, sería mariñeiro? Non dubida: «Foi o estudo que tiven, pero si, a miña vida foi o mar, gañabas diñeiro, estabas contento...». Cando a falta de relevo xeracional trae en xaque á pesca, pon o acento nunha incontestable realidade: «Para comer peixe ten que haber quen o pesque, e no mundo fan falta mariñeiros, labradores, estudantes...».

A quen lle parece caro o peixe, este lobo de mar de Celeiro resposta: «Se foran ao Gran Sol e viran canto se traballa, ninguén diría que o peixe é caro. Aínda que hoxe os barcos son unha marabilla, non a miseria de antes, todo ten o seu gasto e hai que pagalo».

«Pasei outras galernas, pero en barcos de trinta metros e de ferro, e sen problema»

Sería mariñeiro porque «a miña vida foi o mar, gañabas diñeiro e estabas contento»

«Non teño nada contra a Garda Civil, pero todo é prohibir»

Cando o 12 de xullo se celebre fronte ao Monumento ao Náufrago de Celeiro a misa que lembra a galerna de 1961 e aos os falecidos no mar, Antón Teixeira asistirá, «claro que si, coma sempre, se Deus quere e a Virxe Santísima».

Mentres, este mariñeiro xubilado quere falar da pesca recreativa coa que cando pode renova os seus vínculos co mar. «Todo é prohibir, estamos perseguidos dunha forma moi grande pola Garda Civil», explica transmitindo unha queixa compartida por moitos xubilados. «Non teño nada contra os gardas, todo o contrario, porque deben vixiar, aínda que mellor farían actuando como os da Xunta, que primeiro avisan, pero chegar e multar...».

De novo, fala coas súas propias experiencias. Unha, o ano pasado, cando non levaba a bordo do bote que coida e no que navega a póliza do seguro actualizada, «aínda que estaba ao día; escribiron e mandáronme para terra. Cando lles entreguei os papeis en orde, un doume a man. Tiña oitenta e un anos e nunca na vida un garda me dera a man. Botoume a man polo ombro, ‘siempre hay una primera vez».

Outra, hai dous anos. El e o seu fillo pescaban na ría de Viveiro «ás sete da mañá, en pleno día, pero reprendérennos porque faltaba dez minutos para as sete da mañá. Por favor, expliqueille ao garda, a pauta do mariñeiro é a alba e o axexo, e non pescamos con luz e é día». Nin con esas, porque «ese señor mangounos 150 euros de multa a cada un. Por deus! Unha ruína porque non chego a mil euros de pensión». E unha terceira, cando outro garda civil vociferando lle prohibiu tirar ao mar as vísceras das xardas que limpaba no bote. «Creo que tiñan que aprender, porque moi ben non tirar plásticos ou cousas que contaminen, pero o engado fresco é bo para as gaivotas e para o resto de peixes».