O horizonte de Vilagarcía


Permítanme unha confesión que o aludido aceptará que revele. Hai algo así como catro anos e medio un bo amigo me preguntaba a miña opinión sobre se debía involucrarse no desafío de poñerse á fronte dun proxecto municipal, no que pouca xente confiaba daquela, e facelo sen rede de seguridade. Só despois de decidir que aceptaría preguntábase: «Temos algunha oportunidade de gañar?».

Descoñezo as razóns que levaron a cada unhas das moitas persoas que votaron hai catro anos e hai un mes pensando en facer a Alberto Varela o alcalde de Vilagarcía. Probablemente todas estas persoas tivesen razóns diversas, incluso difíciles de conxugar entre si. Pero diría que case todas elas eran boas razóns.

Vilagarcía ten hoxe tantos retos como oportunidades, tantas incertezas como fortalezas (e son moitas). É preciso arranxar dunha vez por todas a relación de amor-odio que temos co mar, e sumar máis sinerxías coa comarca para un mellor turismo combinado e unha rede de transporte. Debemos fortalecer o modelo de cidade humano, vivo e sostible, dotalo de maior corpo empresarial e non deixar de reivindicar os servizos públicos que nos negan. Si, todo iso é o noso futuro que debe chegar máis pronto que tarde.

Para todo iso ábrense oportunidades por diante. O mandato que hoxe comeza faino cun equipo reforzado, con xente valiosísima e cunha maioría que será tanto un cheque en branco como unha esixencia.

Non sei se realmente aquel amigo co que falei agardaba chegar a este momento, pero é aquí onde toca estar á altura das circunstancias. Eu ben sei que estarán.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

O horizonte de Vilagarcía