O Breogán entregarálle o sábado a súa medalla de ouro a Quini Costa

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

VITOR MEJUTO

PiragüismoO club organiza o Galego de Novas Promesas de K2/C2

13 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A familia do C.M.D.C. Breogán do Grove vivirá este sábado unha xornada moi especial. E non só por organizar e exercer de anfitrión por segundo ano consecutivo do Campionato Galego de Novas Promesas en K2/C2. O club meco converteu ademais a proba no marco no que recoñecer a dúas persoas que, de diferentes maneiras, tanto axudaron a facelo medrar e, con el, o piragüismo na península arousá.

A directiva do Breogán procederá ese día á entrega da súa medalla de ouro a Joaquina Costa, Quini. A súa primeira olímpica, tras participar nos míticos Xogos de Barcelona 1992. A intención dos responsables do club era terlle imposto a distinción á expadexeira o pasado inverno, durante a cea de celebración do cuadraxésimo aniversario do club, pero Quini, afincada fóra do Grove, non puido asistir a ela.

A galardoada recibirá a medalla de ouro do Breogán nos momentos previos á entrega de premios do Campionato Galego do sábado, sumándose a unha orde que xa contaba con Jesús Casal, coa parella olímpica no C2 formada por Fredi Bea e por David Mascato, con Marcelino Cacabelos e con Tono Campos.

Trofeo Ramón García Vidal

A cita sabatina tamén servirá para lembrar a figura de Ramón García Vidal, «unha persoa moi querida no Breogán, falecida hai uns meses» e que, adiantaban onte desde o club na presentación do Campionato Galego de Novas Promesas en K2/C2, darálle nome a un novo trofeo que recibirá o mellor padexeiro do Breogán na que é tamén a trixésimo terceira edición do Trofeo Concello do Grove de Piragüismo. O Trofeo Ramón García Vidal quedará asociado a este último a partir deste ano, con vocación de perpetuidade.

Polo que respecta á cita autonómica en si, os responsables do Breogán salientaban onte o incremento da participación, que pasa dos 440 padexeiros de 32 clubs inscritos no 2018 aos 446 de 35 anotados nesta ocasión. Trátase de deportistas das categorías cadete e infantil. Os primeiros con 5.000 metros de percorrido por diante, e os segundos 3.000.

O campo de regatas vai do Pavillón de Deportes Náuticos Tono Campos á ponte da Illa da Toxa, o que permitirá o seguimento da proba polos afeccionados desde o paseo marítimo do Grove.

Ademais das puntuacións para as diferentes Ligas Galegas por categorías, os equipos participantes optarán ao xa mencionado Trofeo Concello do Grove, que recoñecerá a maior suma de puntos das catro categorías, infantil e cadete masculinas e femininas.