Versos inspirados en Cabanillas do A ao Z

AROUSA

MONICA IRAGO

Ramón Caride sorprende co seu último traballo, no que cada letra se converte nun poema

11 jun 2019 . Actualizado a las 10:08 h.

Da obra do Poeta da Raza tense dito e escrito moito pero nunca, ata agora, houbo oportunidade de descubrilo seguindo as pautas que marca abecedario. Primeiro co a de «Agras», logo co be de «Brúa», despois co ce de «Cambados»...

«Ramón Cabanillas do A ao Z» ofrece unha singular maneira de achegarse ao poeta desde a visión doutro poeta, Ramón Caride, que fai un inventario dos temas esenciais na vida do autor de «Vento Mareiro» seguindo a estela das letras e baixo o seu propio prisma: «Con máis concisión, atendendo máis ao espírito da obra de Cabanillas que ás formas», segundo explica o autor.

Caride non fai só esta viaxe de 60 páxinas. Cada un dos 23 poemas van acompañados dunha ilustración que asina o coruñés Xosé Cobas, nas que os bodegóns e as formas de muller conviven coa balconada do pazo de Fefiñáns; ese Fefiñáns de pedra que cabe nunha xeometría e o Fefiñáns dos pazos, arcos e torres que «gardan o tempo detido», segundo se pode ler no poema do mesmo nome, correspondente á letra efe.

A escolma péchase con «Roseira», «Samos», «Quentura», «Teatro», «Umia», «Ventura», «Xoquín» e «Zanfona»: «Tolice dos amantes e dos tolos / Tolemia atroz de místicos e santos», escrebe Caride.

O libro é unha revisión dunha versión de Irene Penas na editorial Everest, xa descatalogada, está editado polo Concello de Cambados e o resultado poderase ver este venres na presentación que vai ter lugar nos xardíns de Torrado. Alí estarán Ramón Caride, o concelleiro de Cultura en funcións, Víctor Caamaño -que asina o limiar- e Kevi Aragunde, que porá a nota musical. No acto colaboran os institutos Asorey e Cabanillas e poranse á venda os primeiros exemplares, a cinco euros. Haberá máis ocasións de compralo.

«Ramón Cabanillas do A ao Z» presentarase na feira do libro que se vai celebrar en Cambados do 19 ao 23 de xuño, onde Caride acudirá tamén con «Singamia 1.1», este de literatura xuvenil e ilustrado por Manuel Busto.