Unha ollada á tradición con aires de festa

AROUSA

A asociación O Castro encherá de actividades o campo da igrexa durante a fin de semana

07 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

8 e 9 de xuño • Campo da igrexa de Baión (Vilanova) • Entrada libre • A parroquia de Baión vai ter moita actividade esta fin de semana a conta de dúas citas organizadas pola asociación cultural O Castro. Unha clásica, que xa vai pola súa 29 edición, e outra con só dous anos de vida. Trátase, respectivamente, do Encontro dos Maiores e da Mostra de oficios, costumes e xogos populares, que a asociación fai coincidir este ano porque, ao fin e ao cabo, quen mellor que os avós para dar conta e lembrar como se facía a malla no campo, se lavaba a roupa no río ou se manexaba un carro de bois.

Ao pé da igrexa recrearanse estampas de hai medio século con obradoiros de barro e cestería e postos dedicados aos vellos oficios: cesteiros, carpinteiros, zoqueiros, gaiteiros, ferreiros, augardenteiros, follalateiros ou telleiros. No recinto non faltará de xantar -instalarase unha carpa gastronómica- nin haberá tempo para aburrirse grazas á música e aos xogos como a chave, os aros ou os bolos.

A mostra poderá visitarse desde o sábado á unha da tarde e as actividades xa non parará ata o domingo á noite. Para os que queiran bailar, terán ocasión de facelo, o sábado co grupo Añoranza e o domingo co grupo M80, e para os que queiran saber como é iso dunha noite meiga, están citados para mañá a medianoite xunto con Pepa a Loba, a Santa compaña, mouchos, coruxas, sapos... A queimada tampouco faltará.

Mañá sábado será tamén o Encontro dos Maiores, ao que se prevé a asistencia de 500 persoas chegadas da comarca e doutros concellos galegos. Logo de visitar unha adega e pasearse pola mostra de oficios e costumes, participarán no xantar de confraternidade, que servirase baixo carpa en previsión de que poida chover. E para facilitar o acceso á festa, a organización habilitou aparcamentos especiais nos arredores do recinto.

Os directivos da asociación O Castro presentaron onte estas actividades en rolda de prensa, na compaña do alcalde Gonzalo Durán, ao que lle agradeceron o apoio do Concello así como o de outras administracións e entidades implicadas. O seu obxectivo é ampliar a oferta de ocio e preservar a tradición.