O Torneo Santa Rita achégase aos 300 participantes

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Os novos requisitos do Circuito Xuvenil Babolat engaden as pistas do Mercantil ás do Rial

30 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As instalacións vilagarciás do Club Tenis O Rial foron onte escenario da presentación do XXXI Torneo Santa Rita de Tenis. Unha cita que un ano máis volve figurar no Circuito Xuvenil Babolat da Federación Galega de Tenis, e que este ano vén cargada de novidades derivadas, precisamente, de certos cambios na normativa deste último.

O principal, a necesidade do club organizador, o C.T. O Rial, de conseguir un socio para o desenvolvemento do torneo unha vez a Federación decidíu fixar a obriga de dispoñer de oito pistas para as súas probas do Circuito Xuvenil Babolat. Así as cousas, a entidade arousá acompáñase por primeira vez do Mercantil de Pontevedra, que suma a súa infraestrutura á dun C.T. O Rial que tras reformar as súas instalacións ao longo do último ano, sacrificou unha das súas cinco pistas de tenis para a construcción doutras tres de pádel.

Outra novidade do Torneo Santa Rita é a ampliación de categorías. De novo obrigado pola nova normativa do Circuito Xuvenil Babolat da FGT, o C.T. O Rial engade na trixésimo primeira edición do seu campionato a categoría júnior -tenistas de 17 e 18 anos- ás habituais alevín -11 e 12-, infantil -13 e 14- e cadete -15-16-, incluíndo tamén a incorporación da benxamín -9 e 10 anos-, esta opcional segundo as bases federativas.

Pechado o prazo de inscrición, son 287 os tenistas rexistrados nos diferentes cadros de competición do Torneo Santa Rita. Cun notable incremento respecto aos 214 do 2018, que vai moito máis aló do sumatorio de categorías. Así, explicaba onte Daniel Otero, director do torneo, son arredor de medio cento máis os deportistas anotados nos cadros de competición tradicionais da cita arousá, na que é a súa mellor inscrición, subliña, da última década.

As pistas do Mercantil de Pontevedra serán escenario dos partidos das categorías benxamín e alevín, esta última a máis numerosa en canto a participación se refire, concentrándose as tres restantes, infantil, cadete e júnior, na superficie dura do Rial.

Cambio de datas

O último gran cambio introducido no Torneo Santa Rita na súa trixésimo primeira edición refírese á súa colocación no calendario. No do Circuito Xuvenil Babolat, decidindo a Federación Galega que cambie a súa tradicional condición de segunda proba puntuable pola de terceira. E, como consecuencia do anterior, cun retraso no calendario, de 21 días, dirimíndose o torneo nas vindeiras tres fins de semana. Os primeiros partidos están programados para este sábado desde as 14.30.