«É imposible que en catro anos poidas desenvolver a túa idea global de cidade»

s. gonzález / a. garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Varela sostén que o mandato foi un exemplo de diálogo e pide a confianza dos vilagarciáns para avanzar no modelo

24 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Alberto Varela Paz (Vilagarcía, 1975). Socialista. Hai catro anos arrebatoulle a alcaldía da capital arousá ao popular Tomás Fole, devolvendo ao PSOE a condición de lista máis votada.

-Como o cambiaron a vostede estes catro anos?

-Home, son máis vello, claro, e, dende o punto de vista persoal, cambiaron moitas cousas. Casei, teño familia... Pero o principal é que a miña visión da política municipal transformouse en boa medida. Cando es candidato e non asumiches aínda responsabilidades pensas en realizar proxectos que a maraña burocrática ou a propia lexislación impiden levar adiante. Por iso escoito estes días a moitos candidatos novos, que falan de propostas que chocarían coa propia lei. É lóxico. O importante é tratar de estar á altura da responsabilidade que os vilagarciáns depositan en ti.

-Sería unha decepción quedar ás portas da maioría absoluta?

-Nunca me gustou traballar sobre este tipo de hipóteses. O listón márcano os cidadáns, non nós. Por outra banda, un bo resultado nunca pode ser unha decepción. Creo, ademais, que este mandato demostrou que sabemos chegar a acordos e fomentar o diálogo. No pleno perdemos moi poucos asuntos.

-Repetiría aquel pacto de cidade?

-Dixemos ao principio do mandato que o noso entendemento natural ía ser coas forzas da esquerda. E, quitando o pleno organizativo, foi así. Seguro que cometemos erros, pero supoño que o resto de formacións que deberían facilitar aquel arranque tamén farán autocrítica. Dentro das principais cidades de Galicia, somos a corporación que menos lle custa aos seus veciños e veciñas. O que fixo o PP foi xerar unha polémica e tratar de aproveitala ao máximo. Espero que todos aprendésemos dos nosos erros.

-Canto tempo precisa un alcalde para ver desenvolvida a súa idea de cidade?

-Catro anos pasan moi rápido. É imposible que se vexa a túa idea global para a túa cidade. Nós temos moi claro o que queremos. Humanización, aparcamentos disuasorios, transporte sostible. Non só no centro, tamén en Carril, Vilaxoán, no Piñeiriño... Polo ritmo da Administración, hai moitos proxectos en marcha que veremos no que queda deste ano e o ano que vén. E queremos resolver problemas que non fomos quen, pero están en marcha: as ampliacións da biblioteca e a piscina ou ese albergue de Carril que nos permitirá aproveitar a boa marca do Camiño.

-Que hai do PXOM?

-Non podemos estar conformes con que non se aprobase inicialmente, pero temos a conciencia tranquila polas moitas horas de traballo, porque non podemos loitar con cousas como que a empresa que o redacta rompa o contrato e porque, aínda así, avanzamos moito máis que no período anterior. Se non sucede nada extraordinario estaremos en disposición de aprobalo inicialmente este ano e abrir as alegacións.

«Un dos meus propósitos persoais é recuperar tempo para poder facer algo de deporte»

Antes de chegar á alcaldía, Alberto Varela xogaba a trepidante Master Senior League de veteranos, compartindo cancha con Suso López, Fajardo ou Torrado.

-Síguelle dando ao baloncesto?

-Puf. Agora estou totalmente parado. A política municipal come moito tempo. E se a compaxinas co coidado dos nenos é difícil. Recuperar tempo para facer algo de deporte está entre os meus propósitos persoais.

-Será posible falar co Porto?

-Vai ser difícil se persisten na idea de seguir poñendo barreiras ao mar e de funcionar como unha inmobiliaria para cadrar as súas contas. Se falamos de Comandancia, só se trata de respectar o que se asinou, solo público que non lle custará nada ao peto dos vilagarciáns para dispor dun novo centro de saúde, que tampouco ten por que deixar sen servizo ningún ao de San Roque. Se as outras formacións saen agora con ideas das que non falaron antes, que consisten en mercar solo urbano privado e caro, o único que fan é o xogo ao Partido Popular.

-O que non lle gusta é o hotel no Ramal. Onde, entón?

-As empresas sitúanse onde consideran que deben facelo. Pero non todo vale. Hai parcelas con posibilidades en segunda liña de praia. Por certo, tamén se podería rehabilitar algún dos edificios históricos de Vilagarcía.

-Vai á praia. Nudista ou téxtil?

-Téxtil, aínda que tampouco teño ningún problema nin vergoña.

-Con cal dos seus contrincantes tomaría vostede unha caña?

-Case con todo o mundo.

-Na rúa vai falando polo móbil?

-Tento evitalo ao máximo. Son moitos os veciños que te ven e queren comentarche algo.

-Alguén lle retirou o saúdo?

-Que eu saiba, non. A verdade é que a inmensa maioría da xente é respectuosa e moi agradable.