«A mocidade é o futuro; se se mobiliza cambiarán as cousas»

S. GONZÁLEZ / A. GARRIDO VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Fernández non ten nada claro que a suma con EU e Somos Maioría puidese dar bos resultados

23 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

María de la O Fernández (Vilagarcía, 1980) é militante de Podemos e presidenta da comisión de garantías da formación morada en Galicia. Asume a candidatura de Marea da Vila, froito da súa alianza con Anova.

-Por que votar a Marea da Vila?

-Porque somos a única alternativa de cambio. Vilagarcía precisa un cambio e por iso damos o paso. Xa comprobamos o que fixeron outras formacións nos mandatos anteriores, e vemos que todo sigue igual. En canto aos partidos novos, algúns son coñecidos a nivel nacional e sabemos que non van apostar polo cambio. Mesmo algúns o que buscan é un cambio cara ao pasado, non ao futuro. Somos, por iso, a única alternativa política centrada na xente e que ten en conta a voz dos veciños e veciñas.

-Dá a impresión de que están mobilizando, sobre todo, a xente nova. E ese o seu perfil?

-Nós pretendemos chegar a todo o mundo. É certo que o noso perfil pode parecer máis novo, pola xente que formamos o equipo. Claro que pretendemos chegar a xente que non votou nunca para que se anime. A mocidade é o futuro e se se mobiliza pódese cambiar moito. Xente concienciada, que sexa crítica. Pero tamén queremos chegar á cidadanía que non é tan nova. Todos debemos implicarnos.

-Cre que o fracaso da confluencia con EU e Somos Maioría pode pasarlles factura nese intento por implicar á xente?

-É difícil a resposta, porque a súa proposta e a súa forma de traballar son tan distintas das nosas que non teño claro que indo xuntos en realidade fosemos sumar.

-Pero intentárono. Por que?

-Porque a nosa intención era, e sigue sendo, conformar unha candidatura de unidade popular, unha proposta nova. E isto só empezamos a velo despois. E non notamos que guste, precisamente, iso de facer tanta mestura con xente que vén de partidos tradicionais.

-Deixa cicatrices esa ruptura?

-Cicatrices? Non, mantemos unha relación cordial e non creo que vaiamos ter problemas no caso de que teñamos que traballar xuntos. Sempre que marquemos obxectivos comúns e consensuemos o xeito de traballar.

-Ben. Que sería o prioritario, entón, para Vilagarcía?

-Iso teñen que dicírnolo as veciñas e os veciños, que son os que mellor coñecen as súas necesidades e os seus problemas. Ese punto de participación é o primeiro que temos que poñer en marcha. Facilitar a escoita das demandas e poñernos a funcionar.

-Moitas veces se fala desa necesidade de participación da cidadanía. Pero non semella sinxelo artellar fórmulas para facelo realmente viable.

-Unha ferramenta son as reunións con colectivos e asociacións. Temos tamén instrumentos a través da web. E nós levamos no noso programa o proxecto Todas as mans, que procura, precisamente, que a xente das parroquias nos vaia comunicando as necesidades que existen no seu entorno. Quen mellor ca eles. Hai que buscar un modelo que se poida adaptar e ver a mellor maneira de poder facelo.

-Non teñen medo de comprobar que, unha vez no Concello, haxa cousas que non se podan facer?

-Non, porque o noso programa é totalmente viable. Non levamos obras faraónicas. O noso programa é cauto, porque non sabemos o que imos atopar cando cheguemos. Pero medo non, insisto, porque as nosas propostas non requiren dun orzamento grande. Moitas están máis relacionadas coa participación da xente.

-E o futuro de Marea da Vila? É unha fórmula puntual?

-Nós non queremos deixar pegada, senón pouso. Marea da Vila ten percorrido. A nosa maneira de pensar é a longo prazo.