«Outros presumen, pero nós somos unha confluencia de verdade»

López cre que a ruptura do proxecto electoral con Podemos e Anova constituíu mesmo un «acerto»

a. garrido
vilagarcía / la voz

Logo de moito tempo traballando dende Esquerda Unida, Jesús López Rodríguez (Vilagarcía, 1974) lidera o proxecto de Vilagarcía En Común, a candidatura que suma forzas con Somos Maioría e varios exmilitantes doutras formacións como o PSOE.

-Que supón este cambio?

-Afianzar parte do traballo feito con EU, atopar compañeiros de viaxe con ideas comúns, proxectos que van beneficiar a toda a cidadanía, ilusión, máis xente, máis equipo, máis experiencia.

-Chega En Común para quedar ou é un proxecto puntual?

-Para quedar, absolutamente. Vilagarcía En Común está rexistrada xa como partido e nace para facer política pensada por e para as persoas, para que os veciños e as veciñas sexan protagonistas do goberno municipal e para mellorar a calidade de vida por riba do ornamental.

-Ben, pero a ruptura da súa confluencia con Podemos e Anova, e o xurdimento de dúas candidaturas non xera confusión?

-É posible, pero non creo que sexa algo demasiado complicado. Levamos Vilagarcía no nome, e tamén a nosa forma de traballar, en común. Outros non se presentan co seu nome, talvez buscando outro efecto. Pero, visto o visto e vendo a forma na que se promocionan, creo que foi un acerto que aquilo non callara. Nós si somos unha confluencia de verdade, de dúas formacións e de xente que non estaba en ningunha, de persoas, forzas e siglas, con experiencia, que outros tamén presumen e non está claro que a teñan.

-Haberá, entón, dificultade para alcanzar acordos nun escenario sen maioría absoluta?

-Creo que o mellor que lle pode pasar a Vilagarcía é que ninguén teña esa maioría absoluta. Posiblemente o mellor resultado sexa a suma de proxectos. Os que nos dicimos políticos sen selo estamos dispostos a chegar a acordos con xente diversa, entre partidos, e tamén con asociacións e colectivos. En caso de darse a posibilidade, Vilagarcía En Común asumirá responsabilidades con quen estea disposto a que eses proxectos de esquerda se leven adiante.

-Marcarán liñas vermellas?

-Máis que liñas vermellas, temos claro con que tres non. Todo o demais será unha boa posibilidade de traballo.

-Xa supoñemos de quen fala.

-Obviamente, PP, Cs e Vox.

-Que tal a campaña baixo esta nova formación?

-Moi ilusionante. A xente recibe moi ben o proxecto que lles trasladamos. Un dos eixes é a aposta polo mantemento das nosas infraestruturas. Que a todas as casas cheguen servizos como auga e o saneamento é fundamental, porque a carón de Fexdega hai xente que non ten conexión á auga. E conseguir emprego.

-Pero que pode facer un concello sen competencias directas para ese fomento do emprego?

-Principalmente promocionar Vilagarcía, unha cidade cun porto de interese xeral, ferrocarril e boa conexión coa autoestrada, pero con polígonos convertidos en testos para as xestas. Vilagarcía pode encabezar un proxecto comarcal para a posta a disposición deses terreos, en boas condicións e procurando garantías de estabilidade no emprego. Temos 3.200 persoas buscando traballo, e o turismo, no que, por certo, tamén hai que afondar, non vai dar resposta a tanta demanda. Non queremos agardar do turismo algo que pode vir das empresas. Cremos que se poden xerar mil postos de traballo. Se cadra non mil directos, pero se nos poñemos a traballar e conseguimos oitocentos, sería un gran logro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Outros presumen, pero nós somos unha confluencia de verdade»