«Pouco se parece este Concello ao que atopamos no 2015»

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Recoñece que foi un mandato complicado, pero que significou «un grande avance con respecto aos anos do PP»

18 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Víctor Caamaño repite como candidato á alcaldía polo BNG. Faino satisfeito co traballo realizado nestes catro anos co cuadripartito.

-É a primeira vez que se dá un cuadripartito en Cambados. Que balance fai do mandato?

-Damos por feito que este mandato foron catro anos complicados por problemas políticos e administrativos, pero non hai dúbida de que significaron un grande avance con respecto aos anos do PP, pois por primeira vez puxéronse a funcionar todas as áreas municipais planificando o traballo e creando un concello transparente e aberto a todos e todas. Un concello para funcionar todos os días e non soamente o ano electoral. Hoxe en pouco se parece este concello ao que atopamos no 2015, aínda que o BNG entende que a xestión debe seguir mellorándose no próximo mandato

-Parece difícil que un partido teña maioría absoluta. Ve factible que se repita un pacto de goberno ou ben pola dereita ou ben pola esquerda?

-Está claro que na actualidade as maiorías absolutas dun só partido non son moi factibles e temos que aceptar unha política de pactos para gobernar, polo que un dos maiores valores políticos é a capacidade de negociación, calidade que nos últimos catro anos o BNG demostrou posuír. O razoable en Cambados de cara ao próximo mandato será unha nova alternativa ao PP, que debería darse entre varios grupos políticos pero con condicións moi diferentes ás que se deron neste mandato, para que haxa estabilidade desde o inicio do novo goberno, o que require capacidade de negociación e lealdade; características que posúe o BNG pero non moitos máis grupos políticos.

-Que a sede do Consello Regulador veña para Cambados é un asunto aberto ou algo xa irrealizable?

-Actualmente é algo irreal. No seu momento, cando se fixou a sede en Pontevedra, o BNG denunciou esta manobra política dun PP que gobernaba a Xunta e controlaba o Consello Regulador. A posibilidade dun cambio que reverta esta situación para traer a sede a Cambados implicaría polo tanto gobernar a Xunta de Galicia e ter o control, ou polo menos o apoio, do Consello Regulador, xa que son os dous organismos que teñen capacidade de decisión neste asunto. A partir de aí podería comezarse a falar

-Que actuación debería ser prioritaria en Cambados no próximo mandato?

-O máis urxente e que podería conseguirse en pouco tempo é a mellora na eficacia administrativa municipal. É prioritario axilizar o servizo administrativo público municipal e debe conseguirse en pouco tempo. Xa pensando a medio prazo habería que axilizar a procura da solución ao concurso de recollida de lixo, tamén acometer determinadas actuacións na rede de saneamento, e realizar o desenvolvemento urbanístico de determinadas bolsas de solo municipal paralizadas desde hai anos.