Os irmáns Imparato, campión e bronce autonómicos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

Giovanni clasifícase para o Nacional Sub-21 co título galego, e Alessandra pecha o podio cadete

16 may 2019 . Actualizado a las 13:33 h.

O taekuondo de combate vilagarcián ten un futuro prometedor nas figuras dos irmáns Imparato Pomares. Así o veñen demostrando nunha tempada na que o traballo de ambos no Mace Sport de Pontevedra está a ser recompensada con sucesivos podios en citas de altura. Sen ir máis lonxe, nos Campionatos Galegos da pasada fin de semana. El, Giovanni, júnior inda de primeiro ano, facéndose co título Sub-21 no cadro de menos de 54 quilogramos, no que comeza a dar os seus primeiros pasos tan só dous meses despois de colgarse o ouro que reviste o campión de Europa júnior de clubes en menos de 51 quilogramos, e facerse así con praza no vindeiro Europeo Júnior de seleccións nacionais de decembro. Ela, Alessandra, pechando o podio autonómico cadete en menos de 47 quilogramos.

Co seu título galego Giovanni gañou ademais o dereito a disputar o Campionato de España Sub-21 a finais de xuño. Un premio conquistado con autoridade. Derrotando no seu primeiro combate por k.o. técnico a Rafai Hamboui Ayoub (Club Boud Sport de Ordes) cando o vencía por 20 puntos de diferenza, a José García (Natural Sport) da mesma maneira, só que tras dez penalizacións ao seu rival; e na final, 18-9 a Tomás González (Natural Sport), desfacendo a súa igualdade previa nun terceiro asalto no que o vilagarcián, que viña de gañar sete días atrás o Open de Zamora en menos 55 quilos, foi moi superior.

Pola súa banda, Alessandra chegaba ao Campionato Galego Cadete tras colgarse esta primavera o ouro no Open Internacional Ciudad de la Cerámica de Castellón e o bronce no Open de España.