Media ducia de canoístas arousáns pugnan pola internacionalidade

Os padexeiros do Muíño María Pérez e Manuel Fontán son os mellor colocados no selectivo que se disputa ata o venres en Verducido


vilagarcía / la voz

Resolto en abril o proceso de selección dos kaiaks que disputarán a segunda Copa do Mundo en Duisburgo e os Xogos Europeos, a Real Federación Española de Piragüismo procede, entre hoxe e o venres no encoro pontevedrés de Verducido, a facer o propio coas canoas, engadindo nesta ocasión o groso das prazas para o Mundial Júnior e Sub-23. Media ducia de padexeiros do sur da ría de Arousa figuran nas listaxes deste segundo selectivo, aos que toca sumar o madrileño do Breogán, Noel Domínguez.

Este último, de feito, parte como favorito para facerse co C-2 1.000 na Copa do Mundo -os segundos barcos séniores en Verducido irán aos Xogos Europeos-, en parella co asturiano David Fernández. E iso dando por feito o menor rendemento do dúo do Piragüismo Poio formado por Sergio Vallejo e Adrián Sieiro, bronce no último Europeo absoluto, que chega á cita co segundo por debaixo das súas posibilidades a causa dunha lesión que arrastra desde hai semanas nas plantas dos pés. O padexeiro do Náutico Ribadumia Manuel Fontán tamén compite pola praza, hoxe ás 9 da mañá, con Pablo Graña, do Náutico Rodeira de Cangas, como compañeiro. Domínguez pelexará o venres ademais polo C-2 1.000 no Mundial Sub-23, un día despois de optar ao C-1 1.000, con Diego Romero (Breogán) e con Yeray García (P. Illa) entre os seus rivais.

A outra final de hoxe é a do C-2 500 feminino, coa compañeira de Fontán María Pérez facendo equipo coa madrileña María Corbera, e coa padexeira das Torres-Romaría Vikinga Raquel da Costa con Raquel Rodríguez, do C. P. Portonovo. Pérez e Da Costa enfrontaranse mañá polo C-1 200, para aliarse o venres en pos da praza do C-2 500 no Mundial Sub-23. Camila Morison (N. Pontecesures) pugnará mañá e o venres polo K-1 500 e 1.000 e polo K-2 500 Sub-23.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Media ducia de canoístas arousáns pugnan pola internacionalidade